Teño unha certa sensación de que, quitado Suso de Toro e algúns deses vellos militantes dos partidos agraciados, a sociedade galega non exterioriza a ilusión polo cambio que interiormente tén. Xa lles digo, é unha certa sensación (que non é o mesmo, non sei por que, que unha sensación certa), aínda que non sei en que baseala.

No seu momento atribuín a escaseza de explosión de alegría e de algazara popular pola caída do réxime a dous fenómenos complementarios: por un lado, ó hipotético sentir colectivo do electorado, que despediu dun xeito elegante a Don Manuel, como sen facer sangue. Polo outro, á semana que tardou en ser oficial e definitiva esa elegante decisión do electorado. Alguén máis “comprometido” -como seguro que se empeza a decir agora de novo- concluiría que os progresistas son máis comedidos e máis respectuosos co contrario. Eu tamén o creo en xeral, non como dogma de fe, e espero que así sexa, pero observo unha actitude que eu chamo de “cruzar os dedos”. A de agardar a ver que fan, a medias entre a expectación e a desconfianza, que atribúo a un comportamento tradicional da esquerda, incluída a nacionalista: a repunancia, o ser un tanto espurrido e tiquismiquis cos detalles (mentres algúns sectores, noutros casos, tragan con carros e carretas se os conducen os seus).

E polo que sei, curiosamente, os sectores tradicionalmente aliñados cos perdedores teñen a sensación contraria. Por exemplo, un alto cargo eclesiástico queixábase amargamente e con escasa humildade cristiá de que no xuramento de Touriño o sentaran no galiñeiro, cando en ocasións anteriores estaba en primeira fila. (Os tradicionalmente presentes e desta vez notorios ausentes, a sensación que teñen é moi contraria). Como nas vodas, a colocación dos invitados no acto do Parlamento produciu situacións ben paveras, como o cuarteto Palmou-Paco Rodríguez-Pepa Vega-José Blanco, que demostra desde logo o talante alegremente democrático e igualitario (¿ou inconsciente?) dos primeiros pasos do novo goberno. Falando do novo goberno, un colega co que coincidín nunha rolda de prensa non política chamoume a atención sobre a reticencia a referirse á Xunta como “a Xunta”, en favor de “o goberno” (en efecto, “Xunta” mencionouse unha vez por ducia e media de “gobernos”). Supoño que será o mesmo efecto estraño que sentía outra compañeira cada vez que escribía “o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño”, aínda que nese caso, tranquiliceina, o que lle pasa é o que nos pasa a todos ó comezo de cada ano, que ata febreiro non nos afacemos a poñer a cifra correcta. E se custa cambiar un hábito collido nun ano, imaxinen cambiar un logo de 16 anos de uso.

Agora que o penso, a suposta frialdade cambiaria quizais se poda deber a eso, ós 16 anos de hábito fraguiano.

(para xoves, 4 de agosto de 05)

Advertisements