Eso dos polos comeza a ser grave. Primeiro foi aquela famosa gripe aviar asiática, que conmocionou a todo o mundo, e matou menos xente que o tráfico en España unha fin de semana calquera. Agora é a crise do polo-asado-envasado-al-vacío. Esta mañá, na SER, os tertulianos chegaron a unhas conclusións implícitas, que non explicitaron:
1.-Todo o que dependa das administracións autonómicas vai como vai.
2.-A xente non se entera do que din as autoridades. Quizais habería que implicar ós concellos, dixo unha señora que debe pensar que nos concellos aínda anda un tipo cunha corneta decindo os pregóns, como no que posiblemente veranea ela. Afortunadamente non propuxo a obrigatoriedade de facilitar o noso número de móbil ás autoridades para que nos avisen vía SMS do que consideran que nos debe interesar.
3.-Con todo, é raro que coa matraca que deron co tema desde o primeiro día, houbera xente que seguira papando Pollos Pimpollo tan pimpantes.

Posiblemente houbo máis conclusións, pero quitei a radio e puxen a casete deste mes. Ademáis, a solución xa a sei. Alguén que nun sitio como Monforte, e xa non digamos Lobios, compra un polo que se chama Pimpollo é porque é moito máis barato que os outros, a pesar de que os teñan que traer desde La Mancha. É decir, o target de Pollos Pimpollo é o público que non le periódicos, nin escoita os informativos, nin se pode preocupar doutra información que a do prezo das cousas.