“A esto das festas habería que poñerlle freo. Non pode ser que aldeas dunha ducia de casas anden apañando diñeiro todo o ano para gastar en dous días millonadas en orquestras e foguetería, para que se xunten duascentas persoas e que os rapaces acaben igual a noite nas discotecas. Son cartos estragados que se podían meter noutra cousa”, díxome o outro día un amigo moi incisivo e moi analítico (que como adoita pasar, adestra todo o tempo e polo tanto critica e analiza todo o que se pon por diante, segundo lle pasa pola cabeza). Decíamo ó fío das informacións que contaban os atascos e aglomeracións que se produciron, sobre todo na costa, a conta da pasada fin de semana festeira. E decíamo nunha terraza na que nos refuxiamos da actuación estelar duns tipos que ó parecer estaban riba do escenario a conta da súa fugaz participación en Operación Triunfo ou similar.

Como digo sempre nestes casos, razón non lle falta, pero neste tampouco é que lle sobre. Efectivamente, os veráns en boa parte de Galicia están como para formar parte dun dos círculos do inferno de Dante. Dá a impresión que hai unha flota de medio millón de vehículos, coa súa correspondente equipación de unidades familiares ou pandillas, dispostos a ser mobilizados, cunha misteriosa e inexplicable coordinación, para acudir alí onde faga falta organizar unha aglomeración. Parece que habitualmente están acantonados en lugares como Sanxenxo ou similares, pero poden desprazarse con dilixencia militar (ben, coa dilixencia que se lles supón ós operativos militares) a calquera sitio cando as condicións o requiran, como a Compostela en canto aparecen nubes no horizonte das praias. En espera desas emerxencias, practican polas noites facendo intransitables as vías de comunicación e ocupando todo canta superficie plana hai, quitado os balcóns.

Así que, admitindo que grande parte dos milleiros de festas e romerías que hai por todos os sitios son un derroche desde o punto de vista da rendibilidade do espectáculo (como tamén a Feria Taurina do Ayuntamiento de La Coruña) hai que recoñecer que teñen un alto rendemento social. Por un lado, iguálase o dereito de todos os cidadáns a ter elementos atronadores ó lado da casa, e por outro reteñen por toda a nosa xeografía outros 500.000 vehículos, coa correspondente dotación humana, evitando así que se sumen ó atasco ambulante que constitúen o outro medio millón.

E manter ese delicado e inestable statu quo é imprescindible, entre outras cousas porque a clase gobernante é moi sensible a unha tentación: facerlle caso á xente cando a xente o que quere é que se fagan obras. Así, cando hai atascos en autovías ou estradas con capacidade de sobra para atender ó tráfico 350 días ó ano, sempre hai voces que piden variantes e ampliacións absolutamente imprescindibles para solucionar –ou non- o problema dos outros 15 días. Nestas circunstancias, sempre recordo aquelo –non sei se lenda urbana ou verdade da enxeñería- dos rañaceos de New York: que se en todos os pisos tiraran da cisterna á vez, o edificio colapsaríase. Pois eso, por turnos.

(Para mércores, 17 de agosto de 05)