Etiquetas

Discutían o outro día diante miña unha parella de xuristas da miña familia política (que unha cuñada e o seu home, aclaro para evitar malas interpretacións) cunha amiga sobre o que eles comprobaban uso mal intencionado e desproporcionado da lei contra a violencia de xénero. Como non teño demasiada idea nin experiencia sobre o asunto, eu estaba convenientemente calado ata que a miña –aí si- sobrada experiencia como bocazas me fixo apoiar a opinión cuñadil de que quizais podería non ser estrictamente constitucional usar distintas varas para medir conductas delictivas, dependendo do sexo de quen as comete. Aínda que hoxe me veu dar a razón Empar Moliner, quedei, como era de esperar, como un apoloxista da violencia sexista, pero o peor é que, cando reflexionei pola miña conta, decateime de que hai distintas varas de medir ata en aspectos tan regulamentados como as mortes en actos de servicio.

Por exemplo, hai días en Guadalajara morreron 11 traballadores da extinción e a pasada semana en Afganistán outros 17 traballadores militares. En acto de servicio nos dous casos, uns tentando apagar un incendio provocado por unha irresponsabilidade e os outros mentres contribuían a non deixar caer un réxime que non ten máis aspectos positivos que non ser peor co que substituíu. Ou sexa, uns e outros facendo o traballo polo que lles pagaban. O que diferencia os casos de Guadalajara e Afganistán é que no primeiro caso houbo unha polémica feroz sobre que facían alí as víctimas e como se organizou o operativo, e no de Afganistán o dó e o pésame foron universais.

E o que diferencia os casos de Guadalajara e Afganistán do resto de víctimas de accidentes laborais en xeral é que estas non teñen tratamento de heroes, quizais porque hai unha impresión, xeral aínda que pouco manifestada, de que os accidentes no traballo (nos andamios e así) son, en todo ou parte, culpa de quen os comete, e nestes outros, non.

Tamén se dan dúas varas de medir en dous asuntos paralelos de conductas presuntamente delictivas en actos de servicio. Os gardas civís de Roquetas, incriminados nunha malleira que acabou en morte e os membros das brigadas antiincendios da Fonsagrada e Celenova detidos por plantar lumes forestais son casos similares: os que están nun bando actuaron -oresuntamente- como si estivesen no contrario. A diferencia está en que os compañeiros dos presuntos bombeiros pirómanos non claman ó ceo invocando o principio de inocencia, e eso que non hai un vídeo que os gravara cometendo o presunto delicto, e no outro caso haino.
Pero o máis curioso, o que une todos estes casos, mortos e vivos, detidos e non, é que se está discutindo de todo, menos de algo que a min como bocazas experienciado me parece fundamental: que formación recibiron uns e outros, e de quen é a responsabilidade de que non fose suficiente para que salvaran a vida ou non se pasaran de bando.

(Para luns 22 de agosto de 05)