Etiquetas

, , , ,

Michael Moore (xa saben, o da gorra que se gana a vida meténdose co que non lle gusta dos Estados Unidos) saíu do silencio no que estaba cando a parte dos Estados Unidos que non lle gusta reelixiu a George W. Bush, e o venres pasado escribiulle de novo (a Bush, e de paso ós Estados Unidos). “Acabáronse as vacacións…” chámase a súa carta aberta. Polo de Katrina, claro.

“¿Algunha idea sobre onde poden andar os nosos helicópteros? É o quinto día do furacán Katrina e moita xente está no medio da auga en Nova Orleáns e precisa que a rescaten polo aire. ¿En que lugar do planeta puido perder todos os nosos helicópteros militares? ¿Necesita axuda para atopalos? Unha vez perdín o meu coche no parking dun Sears…” comeza Moore a súa misiva. O resto vai por onde todos podemos supoñer, polo pouco caso que lle fixo a administración norteamericana ó fenómeno do quecemento global e polo menor aínda que lle fai ó sector da poboación que está onde está –abaixo- porque quere: “Non, Mr. Bush, Vd. fixo o que debía. Non é culpa súa que o 30% de Nova Orleáns viva na pobreza ou que milleiros non teñan transporte para saír da cidade. ¡Veña, se son negros!”

Posiblemente por falta de espacio ou por ser de Michigan, a Moore non lle chama a atención o que aquí nos sorprende, e moito. O primeiro é que no país da eficiencia anglosaxona, as cousas funcionen manga por hombro como nos países da improvisación latina, ou peor aínda, porque nin improvisan. O segundo, a reacción de parte da sociedade, en concreto dos dous extremos. Recordo que cando a -moi improvisada- evacuación de Fisterra polo naufraxio do Cason, un dos sospeitosos habituais de andar nas cousas dos demais foi dos que se puxo de voluntario como vixilante.

En Nova Orleáns o que fixo boa parte dos delincuentes foi coller o armamento e aproveitar a ausencia da policía para esparramar a gusto, estimulados sen dúbida polas continuas loas á iniciativa privada. Pero non só eles. No outro lado do espectro económico – como é sabido, os extremos tócanse- tamén moveron ficha e os combustibles cuadriplicaron o prezo. Xa sabemos que son as regras do libre mercado, pero por aquí alucinamos co descaro co que se aplican en momentos como este. Aquí agardarían polo menos un par de semanas en desquitar perdas e repercutir os custes.

Polo demais, quizais polo da globalización, é curioso o parecidas que son as reaccións dalgúns gobernantes, máis proclives a poñer os pes riba da mesa que nos lugares onde se supón que deberían estar, aínda que tampouco farán nada, porque os gobernos non están para solucionar os problemas, senón para inventalos e argallar solucións que beneficien ós amigos. E se hai algún problema, mándase ó exército.

(para luns, 5 de setembro de 05)