Etiquetas

O outro día fun cubrir a noticia dun iate alemán que embarrancou onda a praia do Trece, entre Camelle e Camariñas, no mesmo sitio onde se desgraciou o mítico pero real Serpent. A noticia non era soamente, ou principalmente, o novidoso feito dun naufraxio dun barco de luxo na Costa da Morte, senón que houbo uns que recuperaron a tradición dos raqueiros, os saqueadores de pecios. Chegaron en dúas lanchas, a pleno día, e apañaron todo o que puideron, ata o asento do piloto. Os veciños, diante da cámara, como moito aseguraban “si, algo sentín que desvaligharan o barco. Uns de… de non sei onde, pero sentín que saquearan bastante”. Fóra da cámara, o relato -mesma dalgunha autoridade- era un chisco menos idiosincrático pero máis rico: “Chegaron e o primeiro que fixeron foi coller o champán e picar uns chourizos. E logo deron en desarmar todo. Ós que estaban en terra berrábanlles ‘mirade que barco compramos’”. O axente da aseguradora, un alemán era algo máis explícito co micrófono diante (“hicieron un saqueo en toda regla”) pero aínda máis detrás do chintófano: “fui a un bar de ahí, y dije que había cosas que no importaba perder, pero que estábamos interesados en recuperar un aparato concreto. Uno del bar dijo en alto: ‘no se preocupe que eso aparecerá’”. Os que din que as imaxes valen máis que mil palabras non fixeron información para a televisión.