Os chamados temas de interese local, e a información que xeran, teñen aquí unha característica curiosa: teñen bastante que ver co fenómeno das lendas urbanas. O aeroporto, o porto interior e o exterior, a terceira ronda e a seguinte que a pago eu. Sinto ser tan duro e tan sarcástico con administracións que non son precisamente malos exemplos de administrar, pero as cousas son como son, e unha cousa é ir administrando máis ou menos e outra facer política, no seu sentido orixinal (tentar os solucionar problemas da xente), non no que foi collendo (resolver os problemas da clase política).

Un problema que afecta unhas 400.000 persoas, os veciños desta contorna en concreto, é o do tráfico pola contorna propiamente dita. Que un veciño de Mera tarde en levar o neno ós Salesianos tanto como tardaba el no castromil en chegar á facultade cando estudiaba en Santiago, ou que a unha residente en Brexo-Lema tanto lle teña ir traballar ó Polígono de Sabón (Arteixo) como ó do Ceao (Lugo). Para resolver o problema, algúns alcaldes –non todos, porque algúns están moi ocupados noutros asuntos e para outros eses problemas prodúcense en ultramar, pasada a ría do Burgo- reclaman unha serie de actuacións, sen dúbida necesarias, que se resumen en facer máis carreteras. Non vou ser eu quen discuta a necesidade de máis carreteras, porque as carreteras simbolizan en Galicia o progreso desde finais do século XIX e por riba non son alcalde. Pero non hai nin cinco anos que se resolveu o atasco da Pasaxe, e outro tanto o de Vilaboa, e xa estamos como estabamos.

Por min, veñan vías, pontes, rondas e pistas de lanzamento, pero se a xestión municipal sigue consistindo en proporcionar lugares onde construír ós promotores inmobiliarios e facer centros veciñais ó tempo que se reclaman máis carreteras ás administracións superiores, estaremos todos –gobernantes, cidadáns e medios de comunicación- nas mesmas cada cinco anos. Por decilo claramente: nun lugar da Unión Europea onde viven apiñotados medio millón de persoas que teñen unha calidade de vida polo menos media e pagan impostos, ter o sistema de transporte público que aquí temos é como para inhabilitar para cargo público a todo aquel que tivo algún nos últimos vinte anos. Que un usuario de coche de liña teña tantas paradas na cidade veña de Madrid ou de Cambre, que a metade das vías ferroviarias que hai sirvan para pasear turistas ou como posibles solares é como para que a UE nos pida que lles devolvamos as millonadas que nos deron para transporte e gastamos en rotondas e jardincitos.

Sinceramente, moita modernidade, moito futuro e moito servicio ós cidadáns, pero, no fondo a política local non deixa de ser un remake do clásico rural “a ver se desta vez nos poñen o lavadeiro”.

(para xoves, 15 de setembro de 2005)

Advertisements