Etiquetas

,

A medianoite dacabalo do venres e do sábado pasado, na Coruña produciuse un momento que a algúns presentes lles escoitei cualificar de histórico, e que eu, sen ánimo de polémica, definiría mellor como máxico (se non fose un concepto demasiado jipi) ou como emotivo (se non fose demasiado cursi). Falo da despedida dos Diplomáticos de Monte Alto.

Aínda sendo voluntarias, as despedidas deixan sempre un certo sentimento de ausencia (ou de alivio, segundo os casos). A dos Diplos deixa un baleiro como o do aparcamento do Papagaio, porque nos anos 90 contribuíron a encher o burato negro que deixou a implosión da movida dos 80. Foron eles os primeiros que puxeron o dedo na fenda do dique para que non se colara a marea de parvadas empalagosas que produce o mercado desde arriba cando non hai reacción desde abaixo. Tiñan as influencias que tería calquera rapaz da súa idade e do seu sitio. Os temas populares que se cantaban a coro nas tabernas de Troncoso e das Atochas, os discos de jevi que gravados en casete que se intercambiaban nos recreos do instituto, os clásicos da movida xa daquela parada e algunha que outra rareza ou exquisitez que aparecía de cando en vez. Máis ou menos unha equipaxe común a boa parte dos músicos que daquela comezaban, pero que todos deixaban fóra do local onde ensaiaban para chegar a ser os Pixies de Cambre. Eles remexeron todo o seu xeito, e conseguiron ser persoais e orixinais, pero non se limitaron a eso.

A música, como a arquitectura e posiblemente ata o odontoloxía están cheas de aportacións pioneiras que quedaron no camiño que logo outros abriron despois. Os Diplos levaron tras de si a toda unha tropa, animaron a unha chea de rapaces a facer o que no fondo lles prestaba facer. Exactamente a mesma mala influencia que uns gamberros cos pelos de punta e roupa esfolada fixeran quince anos antes en UK. Unha banda de estudiantes, okupas, administrativos ou traballadores do metal ergueron un movemento por toda Galicia sen que os promocionaran os medios, as discográficas ou as institucións, estamentos todos que, coma sempre, apuntáronse tarde e mal, cando se apuntaron. Máis ben ó contrario. Se sempre ir á contra (“kontra o mundo!”, como proclamaban orgullosos) non é mellor sistema de facer amigos, moito menos reivindicando con forza e ironía o mundo aldeano estigmatizado por desclasados que consideran a Loquillo un moderno radical, e a súa idea de evolución consiste en pasar de Serrat a Sabina. En boa medida, quen te define son os teus inimigos.

Así que, como remataban os seus concertos, partiu. Nos enterros de antes escoitábase a expresión, “o malo é de quen se vai”. Non, o malo é o pouco que queda.

(para luns 19 de setembro de 05)

Por certo: As fotos do evento, <a href="http://sihomesi.blogsome.com/go.php?http://spaces.msn.com/members/cospeta/PersonalSpace.aspx?_c11_PhotoAlbum_spaHandler=TWljcm9zb2Z0LlNwYWNlcy5XZWIuUGFydHMuUGhvdG9BbGJ1bS5GdWxsTW9kZUNvbnRyb2xsZXI%24&_c11_PhotoAlbum_spaFolderID=cns385&_c=PhotoAlbum”>aquí, by Richi “Tractorada” Rastrero

Advertisements