Etiquetas

No fondo de armario do argumentario sociopolítico un clásico imprescindible era, e en boa parte sigue a ser, o de “aquí non hai unha burguesía”. Eu téñoo usado, pero a verdade porque o tiña, non porque crea que me sente ben. Por un lado, porque burguesía, aínda cando había pouca, aquí habíaa –outro cousa é para onde apuntara- e por outra, porque tampouco o chamado pobo se conducía como moi galego, por moito que gastara boina e afalara vacas. Agora desterramos a boina pola gorra esponsorizada por un taller ou un rapado e as vacas polo can de paseo, e as clases están unificadas polas hipotecas. E o outro día fun a unha voda para –ademais de corresponder á invitación- tentar comprobar como vai o Down Jones de galeguidade nas clases medias.

Era nunha das igrexas da Cidade Vella, e en canto nos achegamos, vin que, a pesar da prohibición de levar chaqué, os invitados que xa estaban ían vestidos de tiros largos (co que apañei unha bronca conxugal: “con que ‘vai elegante pero sencilla’ que non vai ser para tanto”). Pero a cerimonia celebrouse en galego (e cun oficiante de voz cuspida á de Suso de Toro, co que tiña á maiores un certo parecido físico), na saída tocaron uns gaiteiros e os contraentes abandonaron o lugar a bordo dun seiscentos pintado de franxas branquiazuis e adornado con dúas bandeiras do Deportivo. Seguindo co símil futbolístico, os invitados desprazámonos en autobús ó lugar do convite, que era tamén un lugar de tronío, con prados, pérgolas, porches, carpas e todo tipo de construccións para tomar o aire e/ou gorecerse del. Había eses bocados deconstruídos que se toman nunha culler dobrada tipo Uri Geller, pero tamén un caldeiro de pulpo.
O sector máis rancio e/ou máis foráneo dos convidados non puido evitar exteriorizar a súa desaprobación latente cando comprobou que o organigrama das mesas representaba estadios de fútbol (a nosa era o Dinamo Stadion), sobre todo porque ó núcleo duro de madridistas tocáralles casualmente o do Olympique de Lyon, campo de infausto recordo.

estadion
Pero ó chamémoslle sector de tribuna visitante aínda lle quedaba unha chea de razóns para o mosqueo. Desde a linguaxe verbal do noivo (“imos rifar entre todos vós unha noite de hotel en calquera lugar do Estado español”) ata a non verbal (as danzas rituais dos Riazor Blues a medias cos integrantes dunha mesa-estadio da outra punta do salón). Un convidado que vai ó baño e sae perfectamente travestido e cuspidiño a Dustin Hoffman en Tootsie.

Pero quedáballes outra ordalía: o matrimonio, coa exquisita educación que os caracterizou en todo o acto (e na súa vida anterior, pero no acto ata tiveron o detalle de felicitarme o cumpreanos polo micrófono) pasaron polos estadios repartindo recordatorios do enlace: unha postal con eles vestidos de galegos (gaita incluída) posando a carón dun hórreo, no máis puro estilo “Escudo de Oro-Zaragoza”, e co lema non menos tradicional “Recordo de Galiza”. Cando nos fomos xa había unha persoa metida na piscina, e soamente eran as dúas e media da mañá.

En conclusión –á que cheguei ó día seguinte- non sei se hai burguesía galega. Tampouco se siquera fai falta tela, alomenos mentres manteñamos a creatividade.

(para mércores, 21 de setembro de 05)

Advertisements