Etiquetas

, , ,

As voltas que dá a vida. Hai unha chea de anos, eu era un periodista pipiolo (tan pipiolo que nin siquera fumaba) cando se suscitou a operación de compra de Fenosa por Unión Eléctrica, unha cousa que tecnicamente chamaban “fusión por absorción”, pero que parecía o que foi. Daquela era tan pipiolo que pensaba que os sindicatos, ademais de defender os empregos e os dereitos dos traballadores, podían aportar o seu punto de vista sobre que significaría o asunto para o futuro económico da empresa. Tamén que os partidos opositores non deixaban de ter razón en que non era moi ético que unha empresa que medrou a base facer o que lle petou cos ríos en Galicia se fose coa sede social a outro lado. Eu daquela escribía nun xornal que me deixaban recoller todos eses puntos de vista, pero resultou que estaba equivocado. No resto dos medios, xente que realmente sabía do que escribía sinalaban que aquela fusión por absorción era precisamente a que aseguraría o futuro da empresa, que así eran as leis do mercado e as necesidades da economía de escala e outros axiomas que eu descoñecía, e que os traballadores o que querían era non perder privilexios como ter a luz de balde e os opositores eran uns resentidos antiempresas. O caso é que o asunto foi adiante con todas as bendicións, tiveran ou non razón, que posiblemente. Xa lles dixen que eu daquela era un pipiolo.

Hai uns catro anos, xa non era precisamente un pipiolo, pero tampouco entendín porque razón Unión Fenosa non se puido facer, por fusión, por absorción ou por fisión, cunha compañía menor, Hidroeléctrica del Cantábrico. Parece ser que neste caso, por moito que dixera a economía de escala, as forzas vivas do lugar –Asturias-, medios de comunicación incluídos, estaban radicalmente en contra, e como no goberno en Madrid había dous asturianos -Cascos e Rato-, nin axiomas do mercado nin farrapos de gaita. Agora a electricidade volve sacudir o mundo económico como as pilas as ancas de ra naquel experimento de física escolar, e eu –que pensaba que perdera a pipiolez- sigo sen entender nada. O PP en bloque chama a arrebato contra que o capital e a sede de Endesa abandonen “territorio nacional” (Madrid, onde que eu saiba non hai máis pantanos que o de Entrepeñas, e non produce electricidade) para ir a Cataluña, cando aquí o goberno do mesmo color cedeu alegremente os montes a empresas eólicas foráneas nun 86%.

Ben, esas son andrómenas de políticos, que lle sacarían punta incluso a que o Barça ganara a Liga, dime a miña faceta cínica que fusionou por absorción á miña faceta pipiola. Pero ningunha das dúas entende a euforia porque capital galego quixera mercar unha parte de Fenosa e o pranto conseguinte cando a operación se revelou interrupta, daquelas mesmas forzas vivas ás que hai vinte anos lles pareceu fenomenal a manobra contraria. ¿Que pasou co libre mercado neste tempo? E máis importante: ¿Os deportivistas ou culés pechados poderán contratar a luz con outra empresa na que non teña accións Florentino?

(para luns 26 de setembro de 05)

Advertisements