Moitos de vostedes estarán por aí, tan contentos, felices e despreocupados (polo menos tan despreocupados como para dedicar tempo a ler esto), mentres algúns veciños seus debátense desnortados na confusión de se farán ben ou non, e moitos fogares (entre eles o meu) están inmersos en abismos de dúbidas sobre cal será o camiño correcto: ¿que actividades extraescolares para os nenos escollemos este curso?

As que se poidan ou que lle presten ós nenos, por esta orde ou pola inversa, dirán algúns ben intencionados. Xa, pero ¿de que falamos cando falamos de que se pode ou non se pode? ¿Entra dentro do que “se pode” –ou debe- que un proxenitor/ra teña que atravesar a cidade toda para depositar a unha criatura e a un violín dous días por semana nun sitio onde teoricamente a criatura e o instrumento aprenden a conxeniar ou polo menos a convivir?, ¿e se o transporte inclúe dúas horas a maiores agardando fóra mentres o pequeno transportado se pelexa coas cordas?, ¿Inflúe no “se pode” a existencia ou confortabilidade das cafeterías próximas ó centro docente onte ten lugar a suposta aprendizaxe?, ¿Entendería o defensor do menor como atenuante que despois de tres anos de “pode”, a combinación neno-violín produza o mesmo resultado que a combinación serrucho-madeira?

En canto ó que lle presta ós pequenos… ¿alguén pode decir de verdade, sen acollerse ó recurso das aproximacións e vaguedades dos expertos en asuntos infantís, que é o que lle apetece realmente a un neno nun período de tempo superior ó momento presente? Hai casos en que un infante está rozando a porcentaxe de rebotes de Pau Gasol no minibasket e de súpeto cóllelle manía ó asunto porque se foi do equipo o seu colega, ou se ve espantoso na pista cuns pantalóns tan folgados. Ou ó contrario, a nena pode soñar desde sempre con ser unha Pavlova (perdoen o rancio do símil, pero en ballet soamente se me ocurre o exemplo de Nacho Duato) e a profesora acábache confesando que ese camiño non é o dela, e suxerindo que quizais lle axeitaría máis algo tipo halterofilia ou corte de troncos.

Afortunadamente, fóra dese problema do que se pode e que lles presta, o bo que ten esto das actividades extraescolares é que hai unha chea de cousas nas que escoller. Estou convencido que buscando ben, podes conseguir que as criaturas se instrúan en papiroflexia, calafateado de buques ou iniciación ó investimento bursátil. Oportunidades de distraer e formar ós rapaces non faltan, o malo é combinalas coas actividades paternas (e sobre todo, admitamos, as maternas). En moitas casas hai un planning de rutas, actividades, conexións, traídas e levadas tan complexo como o do Estado Maior da RAF durante a batalla de Inglaterra, pero substituindo os spitfires e os messerschmitt polos vehículos familiares e os horarios da compañía de tranvías. Así que mentres vostedes están felices, etc., o drama reina no piso do lado.

(para xoves, 29 de setembro de 05)

Advertisements