Etiquetas

Os números son importantes, e non soamente polo que vostede está pensando (e eu, para que enganarnos). Os vellos métodos de entender o mundo (anteriores a Google), desde a Biblia á Cábala, atribuían ó número 1 a divinidade (simboloxía que pervive hoxe, tanto na mafia como no sistema electoral). O 2 representaba ó home e a súa dualidade. O 3, a totalidade ( o presente, o pasado e o futuro). O 7, a cifra simbólica por excelencia, era a perfección, igual que o 12, que representaba ó goberno divino (e por eso a bandeira europea quedou na ducia de estrelas, aínda que agora haxa máis estados membros). Pero o máis curioso é o caso do 4, un número en aparencia plano e obvio, que na Biblia simboliza a creación (os catro puntos cardinais). Hoxe, miles de anos despois de que os listos do lugar atribuíran propiedades máxicas a unhas abstraccións que hoxe nos parecen elementais, se hai un número de moda, é o 4.

“Cuatro” ou “La Cuatro” é a opción televisiva que inicia a segunda revolución catódica, despois da irrupción das chamadas privadas. A denominación non foi unha mera ocurrencia do marketing. Por un lado, a súa “cadea anteccesor” é Canal +, que foi sempre o canal 4 (de feito, en Galicia as dúas españas difiren entre as que teñen sintonizado no 3 a TVG e os que lle outorgaron ese lugar no televisor a Antena3). Por outro, vender a idea da cuarta cadea xeneralista de ámbito español (aínda que en realidade sexa a quinta), é dar a entender que ó panorama televisivo faltáballe un lado.

Os grupos de tres elementos suxiren inestabilidade, abocados a derivar sempre a ser dous contra un. E a maiores, a pantalla ten catro lados. Imaxino que algúns destes argumentos de peso foron os invocados para convencer ó goberno para que autorizase o novo canal, pero sexa como fose, entre esta cuarta opción que en realidade é a quinta e a pedrea de emisoras dixitais que se aveciñan vai ser como para pedir un ano sabático e acampar diante do televisor. Moito me temo que, igual que sucedeu cando a primeira revolución catódica, en lugar de aumentar a oferta o que vai pasar e que todas van competir en compracer a demanda, pero desta vez haberá un aspecto positivo: estímase que, coa audiencia tan repartida, a líder terá como moito un 18%. Así, posiblemente a oferta televisiva será igual de aburrida que agora, pero polo menos non haberá programas que determinen os usos e costumes do 50% da poboación.

Pero o televisivo non é o único mundo presidido polo influxo do 4. Tamén no da política galega existe a expectativa soterrada e difusa da creación do partido número 4. Esa formación, naturalmente de centro, na que algúns dirixentes do PP (pero non soamente do PP) queren gardar a roupa por se non acadan a nado os seus obxectivos. Como no caso confirmado de “La Cuatro”, o por confirmar Partido nº 4 (PN4) non sei se servirá para algo en xeral, pero polo menos reduciría a previsibilidade do sector.

(para xoves, 6 de outubro de 05)

Advertisements