Etiquetas
O outro día fun a un xuízo contra uns presuntos contrabandistas de tabaco. A causa levaba arrastrándose polos recantos xudiciais unha ducia de anos, tanto tempo que cando a abriron foi por un delito contra a Facenda Pública e cando os xulgaron por pouco non os acusan por atentar contra a saúde pública. Nese camiño, o primeiro paso, pero non o último, son as normas contra o vicio de fumar aprobadas no Congreso o mércores pasado, nada menos que por unanimidade. E aí está o malo.
.
Se hai algo realmente raro, por sospeitoso, é a unanimidade. Xa se sabe, reunión de pastores, ovella morta. Igual que nun pacto suicida hai en realidade un suicidio e un asasinato, na unanimidade xúntanse a convicción e a hipocresía. Nesta caso hai unha convicción: o tabaco é malo (e moito peores son os preparados industriais que se venden como tal). E logo está o feito de que a totalidade dos deputados no Congreso, onde reinan criterios tan dispares, se deran posto absolutamente de acordo para decidir a mellor lexislación contra o vicio.
Ou sexa que comparten a mesma visión do problema desde Acebes, que aquel mesmo día non se cortaba en afirmar que a situación do Estatuto catalán e de Ceuta e Melilla esixe a convocatoria de eleccións xerais, ós deputados do BNG, ERC e EA. Algo é algo. A maiores, as grandes aportacións dese proclamado stock de sentido común que son CiU e PNV foron para extremar o asunto. Respectivamente, que non podan entrar menores en lugares onde se fume (acabouse ir á Estrella, meu neno) e que os gobernos autonómicos podan facer máis restrictiva a lei (que os fumadores teñan distinto trato por autonomías parece que non rompe España). Esquerra Republicana, co seu habitual carácter rompedor, conseguiu que se poda fumar nos andéns de subterráneos que estean ó aire libre (unha mágoa que non haxa en Galicia). Non se aceptaron as emendas do PP: que a sanidade pública subvencionara as terapias de desintoxicación e que desgravasen os tratamentos feitos polas empresas (que non o fixeran eles cando puideron non lles quita a razón agora). Polo demais, dereitas e esquerdas, unidores e rachadores, votaron fraternalmente cousas como que ás empresas que non prohiban fumar as sancionen con 600 euros, pero como teñan a ousadía de reservar un sitio para facelo, a broma sáelles por 10.000.
A todo esto, mentres agardabamos que comezara o xuízo que lles dixen, estiven falando cos contrabandistas (podémonos aforrar o de “presuntos”: eran uns históricos do fume, supoño que xa retirados pola despreocupación coa que falaban do tema). Un deles reñeunos a un seu compañeiro e a min por estar fumando alí.
-Eu a bordo non deixaba botar un pito –explicoume.
-Eso no seu caso si que ten delito, jefe. Xa sería para que non lle andaran na mercancía… –retruqueille confianzudo.
-Non, non, na casa tampouco deixo fumar a ninguén –respondeu como sorprendido.
-Pois se vou á túa casa e non me deixas fumar, non volvo –alporizóuselle o colega.
Deixeinos discutindo. Boto de menos un debate parecido entre os pais da patria.
(para luns 10 de outubro de 2005)
Mira, hai tempo que non vexo un debate aberto sobre o tema. A ver que opinións hai ó respecto. Eu, como exfumadora habitual pero reincidente de fins de semana, estou totalmente en contra de que se fume no curre, pero superafavor de que poñan un sitio para os que teñen “o vicio”. Algunhas directivas europeas parécenme moi talibanas, desde logo.
Eu propoño “recreos” de 5 minutos cada hora ou cada dúas horas “pachar la truja”, así os que fumen controlarán mellor as cantidades e seguro que lles sabe a gloria.
Eu son ex fumador (de cigarrillos) e só me fastidia que me boten o fume cando estou comendo. Xa me fastidiaba antes cando fumaba.
O que non consentiría é que prohibisen fumar por exemplo no Dépor. Esa mistura inconfundible de cheiro a herba+terra+puro/peta dos partidos que non a toque ninguén!
VEREDICTO: A FAVOR de lugar de trujeo no curro e se pode ser con tódalas facilidades.
A min tanto me ten, porque teño terraza no choio. Tampouco me importa que se decrete unha norma inaplicable máis (as multas por botar papeis ó chan, que os nenos non poden asistir a corridas de touros, etc). O que me preocupa son os efectos colaterais: as denuncias á autoridade para foder a un compañeiro de traballo que fuma…
Soa ás denuncias por envidias trala guerra civil…
Joder SHS, que idea máis acojonanate!!
¿Todas opinións de fumadores?
Pois eu, non fumador, alégrome da esperanza de que cada vez sexan menos os sitios nos que teña que afumarme coma un chourizo pola “liberdade” para fumar de outros. O meu vicio ben podería ser (que non o é) andar en couro pola rúa, ¿cantos fumadores defenderían a miña liberdade para andar nú en público? Pois por máis feo que eu sexa, con iso non intoxicaría nin lle irritaría os ollos a ninguén. A VECES, os fumadores non vos dades conta de que existimos outras persoas.
Aínda así, espero que se acade un certo equilibrio e se habiliten os maximos espacios (e descansos) posibles para fumadores.