Etiquetas

,

Moi ben, proba superada. Onte houbo enormes demostracións de amor á indisoluble unidade da nación española en Madrid e na Coruña. Alí, xente influída sen dúbida polo pensamento Losantos-Ibarra e enardecida pola presencia da cabra da Lexión, abrasaron a pitos e abucheos a Zapatero. Aquí produciuse un conflicto xeracional entre a terceira idade unionista e a mocidade segregacionista no que a policía tivo que terciar (a favor dos vellos, como era de prever). Parafraseando ó pensador orbital Aznar, onde non había un problema, demos creado un. Noraboa.

Non se preocupen porque non vou falar do Estatut de Catalunya, entre outras razóns porque non o lin, nin penso. Nin siquera o preámbulo que se atragantou ó alcalde, senador e abandeirado Francisco Vázquez (claro que eu non son membro dunha cámara de representación que terá que votar ese texto). Pero son perfectamente capaz de moverme intelectualmente nese nivel primario no que está o debate. A nación española, que segundo o discurso losantos-vazquiano é eterna, en realidade é máis recente que algunhas casas da praza de Santo Domingo, na Cidade Vella, e coexistiu moito tempo co Reino de Galicia, sen que unha cousa quitara a outra, e non deixara de estar claro quen mandaba (Camilo Nogueira ten un libro enteiro ben gordo dedicado ó asunto).

Realidades políticas tan firmes como Italia e Alemania constituíronse como estados hai pouco máis dun século (aínda que hai dúbidas de se en Italia sigue existindo o Estado, ou se existe para que sirve). Pola contra, o Reino Unido chámase así porque agrupa a catro nacións, Inglaterra, Escocia, Irlanda do Norte e Gales (e por certo a catro seleccións de fútbol e doutros deportes). E a xente tampouco parou quieta. O que hoxe son escoceses eran irlandeses que se dedicaban ir de pillaxe a Escocia, e os ingleses son a mestura dos saxóns (xermanos que conquistaron ós britóns, que fuxiron a Bretaña… e a Bretoña) e dos normandos (franceses que conquistaron Inglaterra). E eso que había mar por medio.

En definitiva, media ducia de conclusións: 1.- As cousas son demasiado movidas para ser eternas. 2.- Nación e estado son conceptos que non son exactamente o mesmo, e por decilo dun xeito a tono co debate, nación é quen quere, e estado quen pode. 3.- Aceptando que non teño demasiada idea de historia, si a suficiente para saber que o que me ensinaron nos textos do franquismo, como que Don Pelayo xa era español era tan certo como que Julio César era italiano ou Pocahontas estadounidense, de aí para arriba. Xogar cos sentimentos de quen sigue instalado candorosamente naquelas patrañas é ventaxismo, por decilo finamente. 4.- Non sei de que se estrañan algúns agora, cando, por exemplo, os organismos de dirección do PSdeG-PSOE (dos que foi membro e mesmo presidiu unha chea de anos Francisco Vázquez) chámanse “Comisión Executiva Nacional Galega” e “Comité Nacional Galego”. 5.- “A política é a arte de evitar que a xente se preocupe do que lle afecta (Paul Valery).

(para xoves, 13 de outubro de 05)