Etiquetas
Esta fin de semana tiven o que Enrique Iglesias definiría como unha experiencia relixiosa, e eu un sobresalto. O máis ben dous. Un, a polémica pola negativa das autoridades do Canadá a pretensión de parte da comunidade musulmana de que lles recoñecera a legalidade da sharía, a lei islámica. Outro, o descubrimento de que unha relixión como a rastafariana, que eu tiña erradamente conceptuada como un facción renovada do hippismo, estea en contra da homosexualidade e da igualdade de dereitos das mulleres. Non sei de que me sorprendo, a estas alturas. Ben, en realidade, si me sorprendo de que houbese quen defendese a coexistencia dunha lei relixiosa e a civil desde puntos de vista progresistas, o chamado multiculturalismo que defende que cada quen pode e debe vivir inmerso nas súas tradicións culturais. Sobre todo porque hai tradicións a conservar e outras a exterminar. A escravitude era dos máis vellos costumes que había e agora unicamente sobrevive en zonas de Sudán, e de forma más agachada, en Kuwait ou nas modalidades contractuais de certas empresas de por aquí. Á hora de sancionar as conductas pola tradición relixiosa, o catolicismo é un chope: arrepínteste do pecado de abrirlle a cabeza a un individuo, e quedas limpo desde o punto de vista moral, pero esa limpeza non te libra de que un xuíz te meta en Teixeiro.
E mesmo hai obrigas relixiosas tradicionais inocuas que non deixan de ser anacronismos irracionais. Que ós seguidores dunha relixión creada no deserto nunha época en que non existían os arcóns conxeladores se lles prohibise comer porco era razoable, como que ós crentes católicos lles impuxesen variar con peixe a dieta cotiá de carne, pero non ten razón de ser que a norma siga vixente para os musulmáns que viven en Alemania ou en Galicia.
A homofobia e a misoxinia rastafari descubrina vía radiofónica. Un rasta que parecía español xustificábaa en base ás doutrinas de Marcus Garvey un sindicalista xamaicano de comezos do século XX, que foi un daqueles iluminados que promoveu a volta dos negros a África (ó que hoxe é Liberia, a onde el non foi) e un teórico do nacionalismo panafricano no que se baseou que consideraran un deus ó emperador abisinio Haile Selassie (un déspota como moitos outros). Outro entrevistado, un rasta xaponés, tivo algún problemas para explicar como era practicante dunha ideoloxía que proclamaba a superioridades da raza negra sobre as outras. Ese supremacismo racial é, sen embargo, a parte lóxica do rastafarismo, e a maiores, cada un identificase como quere: os ultrasur defínense como “vikingos” a pesar de que Madrid foi fundada polos árabes, e eu vin skinheads en Mozambique (negros, naturalmente).
Todo esto non quita para que cadaquén teña de dereito a ter as crenzas que queira. O malo é cando llelas trata de impoñer ós demais. “¡Combatede contra quen, logo de recibir a Escritura, non creen en Alá nin practican a relixión verdadeira, ata que, humillados, paguen o tributo directamente!”, asegura o Corán (sura 29 do Arrepentimento). “É ilegal demandar, defender ou conceder libertade incondicional de pensamento ou de palabra, ou de prensa, ou de culto, como se estes foran dereitos que a natureza lle deu ó home”. (Papa León XIII). Como decía non sei quen dos vexetarianos, non me molesta que coman o que queiran, o que me amola é que lle digan ós demais o que teñen que comer.
(para luns, 24 de outubro de 2005)
O multiculturalismo peca de certa indulxencia, e o certo é que o mínimo común denominador para todos teñen que ser os dereitos humanos, tanto aquí como en Marrocos, Estados Unidos ou Burkina Faso.
Como dirían os vellos o mundo estache moi mal repartido. Eu engado, en desiguldades de todo tipo e sobre todo incoherentes.
Gustaríame que un día lle metése-lo dente ó tema só subliñado neste post: a situación laboral precaria da Galiza. Penso que daría moito xogo e topariamos moitas, pero moitas contradiccións e incoherencias. Por non falar de inxustizas e ilegalidades.
Eu já son pastafari!
Eso, eso, falemos do emprego precario, das inxustizas e ilegalidades. A ver….
1.- Eu teño a desgraza de ser un pequeno empresario, dono das vidas e facendas de algo máis de media ducia de asoballados.
2.- TODOS os meus asoballados están dados de alta nas SS (a seguridade social de giron de velasco) dende o dia no que entraron, faltaria mais. Eu teño que estar dado de alta como autonomo porque a lei (por certo…. que pouquiño cambiou dende o Fuero del Trabajo…) non me deixa darme de alta no rexime xeral. Ou sexa, non teño paro, non me podo poñer enfermo, etc.
3.- Teño unha saúde de merda, un coche con 230.000 kilometros e unha hipoteca descomunal para un piso mais pequeno que o de calquera dos meus asoballados.
4.- Padezo de insomnio cada vez que me tardan en pagar os clientes por medo de que non me dea para as nominas.
5.- Non me vou poder xubilar porque teria que pagar as correspondentes indemnizacions os asoballados para poder marchar pra casa.
6.- Tampouco me podo suicidar, dado que as indemnizacions das pelotas pasarian ós meus fillos.
7.- Espero que estes (os fillos) teñan algo mais sentidiño que o seu pai e se fagan funcionarios (xa mo dicia o meu vello…), xornalistas ou asoballados en xeral.
E xa sabes…. casta dos celtas esperta axiña…..
Funcionarios, os que queiran, pero que agarden a ser xa grandiños. Xornalistas, evíteo. Traballarán tanto como Vd. cun contrato de catro horas, doce horas sete días á semana.