Etiquetas

,

O martes foi o Día de Internet, e a todos nos romperon a cabeza co pouco que se usa e o fundamental que é para coller ese tren da modernidade que se nos está escapando desde Fernando VII. No tocante ó que lle chaman novas tecnoloxías da información os que as predican pero non as practican, por unha vez estou de acordo co pensamento dominante. Non son moi devoto, pero si moi practicante, e desde hai oito ou nove anos son de cibermisa diaria. Sen embargo, con tanto tocar á arrebato, confundín as campás de internet coas da gripe aviar. As cifras e porcentaxes que proclamou onte todo pichichi non son como para aplaudir. En 2004, de cada dez casas en España non había conexión en sete, e en Galicia en oito. O malo é que esa diferencia de dez puntos era soamente a metade en 2002 (outra mostra do moito que converxemos nos últimos anos). Hai quen lle bota a culpa ó caro que é en comparación cos países do noso nivel. É, pero tamén é moito máis caro usar o móbil, e España é o terceiro país de Europa nesa penetración concreta. Outros pensan, aínda que non o din, que aquí (en Galicia) é que somos atrasados en xeral e ciberparvos en concreto. Sen embargo, hai unha porcentaxe maior que en España de usuarios de banda ancha, esa que anuncian para que rapaces de pantalóns caídos baixen música e películas a todo meter. Logo están os matices estatísticos que sempre teñen razón: unha poboación avellentada baixa a porcentaxe de uso, e preto de 4.000 casas no rural aínda teñen esa tecnoloxía TRACK (os chamados “teléfonos da Xunta”) que imposibilita calquera comunicación máis complexa que dar recados.

Pero hai dous posibles motivos anti internet que non escoitei. Un, que hai xente que realmente non o necesita. Nunha sociedade en que aínda hai con quen falar de sobra, as necesidades de comunicación interpersoal da maioría están perfectamente cubertas, e as de información o mesmo desde que se sintonizan as teles sen problemas. O coche é útil, pero se vives en Londres ou New York é un gasto e un incordio. Á miña nai déronlle a escoller os do concello entre un curso de internet e outro de decoración de frascos, e escolleu o dos frascos (co meu aplauso: prefiro rexeitar amablemente os frascos que pasar o día mandándolle por correo electrónico fotos dos netos).

O outro motivo é que tanto rebumbio montaron e montan co importante que é internet que moitos lle colleron medo. E contra o medo non caben raciocinios. Xa se pode predicar que en Vietnam, un país onde a xente anda revolta coas galiñas e hai unha sanidade deficiente, de medio millón de persoas que colleron a gripe aviar morreron uns 40. Nesta sociedade, onde hai nenos que nunca viron un polo con plumas, a xente apaña un pánico medieval cando escoita que todo está controlado. Que a morte dun loro inmigrante teña máis relevancia que a de seis homes que pretendían inmigrar axuda tanto a tranquilizar como que a maioría das noticias relacionadas con internet teñan que ver coa pederastia.

(para mércores, 26 de outubro de 05)

Advertisements