Etiquetas

, ,

Acábase de recordar públicamente, porque hai moito desmemoriado, que xa en 1999 Paco Vázquez se adiantara ó recente descubrimento de que a Cidade da Cultura é un despropósito. Eu fixen algún comentario frívolo sobre o asunto o 27 de novembro de 2000, en canto apareceu Si home si (versión papel), e tamén o 10 de maio, o 4 de setembro e o 1 de novembro de 2001 (logo debínme cansar). Non vexan animus competendi ningún sobre quen ten máis intuición, nin tampouco animus fachendi pola coincidencia de opinión co alcalde. Sinceramente, ningún dos dous temos mérito ningún. Que as semicatacumbas de Peter Eisenman ían ser un burato negro de cartos e un monte de problemas xa o sabía ata ó que se lle meteu na cabeza facela.

Hai quen se equivoca, e cando se dá conta, rectifica (eses son personaxes de ficción). Hai outros que, no mesmo caso, procuran disimular (eses somos a maioría da xente) ou botarlle a culpa a outro (eses somos a maioría dos homes). E hai quen sabe que se equivoca pero tanto lle ten porque nunca choveu que non escampara (eses son algúns políticos). Cando hai catro anos me refería ó Machu Pichu de Compostela como “un deses despliegues faraónicos que obedecen ó principio de ti crea primeiro o órgano e malo será que logo non haxa función”, aseguraba sen arriscar case nada que o importante era erguer unha pirámide vistosa, e logo xa se vería se dentro se mete un morto ou unha chea de vivos.

Pero co que non contaba era con que se triplicase (de momento e xa veremos) o presuposto, porque na miña inxenuidade consideraba que estas cousas nunca saen por máis do doble do que se di ó principio. Chegados a este punto, non teño outra que recoñecer o mérito de Javier López Chaves, portavoz de Cultura do PP, un heroe que sostivo en público dúas afirmacións que a un home de menos temple o precipitarían chorando no colo da súa nai: A.- O gasto da CdC non se disparou. B.- A CdC tiña e ten un sólido proxecto de contidos (“teñe”, dixo na versión orixinal, o que me suxire un contido concreto: destinar o sitio máis agachado das catacumbas de Gaiás para seminario diocesano de inmersión lingüística, onde os novicios vivan enclaustrados e rodeados de paisanos chulamente monolingües e animadores socioculturales d’A Mesa).

Claro que a Terra Mítica santiaguesa non é o único descubrimento científico que asombra a este país. O Consello Económico e Social, organismo non por pouco coñecido menos importante, acaba de concluír que, contra o vento e a marea oficial (“Galicia-vai-como-unha-moto”), non converxemos ni con España nin con Europa. Non é que sigamos viaxando no furgón de cola, é que imos cara atrás como escapando do revisor porque non temos billete. Manuel Fraga despexou onte esa pelota asegurando que “hai outros informes máis serios”, pero este debe selo bastante porque lles levou 16 anos facelo. Como dixo o líder da oposición na mesma sesión parlamentaria, “este é o famoso cambio”. Efectivamente, agora non soamente se pode criticar ó goberno. Incluso se pode pregoar o obvio.

(para xoves, 27 de outubro de 05)

Advertisements