Etiquetas
Sempre, por este día e a esta hora, sexa pola nova ou pola vella, sigo a tradición columnista que encarna Manuel Vicent coa súa diatriba anual contra os touros (contra o costume de matalos en público logo de marealos) e esbardallo contra o cambio de horario e o moito que nos amola ós habitantes do Oeste. Nesta ocasión non vai ser así. Acabo de ver a luz (e seguireina vendo unha hora máis tarde a partir de hoxe).
No tempo que teño este espacio en concesión, nunca fallei á cita de denunciar que ós galegos nos obriguen a vivir co paso cambiado. A que por decreto e por horario teñamos que ser mediterráneos e traizoemos a nosa realidade e a nosa vocación atlánticas. A que nos manden para a cama antes de tempo, como ós nenos ou ás galiñas ás que lle tapan a luz para facerlles crer que escurece, ou que nos fagan erguer de noite, como ós escravos dos algodonais. A maiores desta queixa identitaria, sempre contribuín puntualmente coa miña tecla á campaña global contra esa imposición da macroeconomía sobre as microexistencias que supón o cambio de horario estacional. (E que por riba fan de forma tan burda como regalarnos unha hora cando nos adentramos no depresivo outono e nola quiten aproveitándose da euforia da chegada do verán, exactamente igual que nas lendas urbanas que aseguran que dan porros na entrada dos colexios para facer adictos e clientes).
En resumo, criticaba a mudanza de hora en xeral polo que ten de submisión da realidade concreta da xente á abstracción teórica da economía, e á vez denunciaba o prexuízo engadido que eso nos supoñía ós fisterráns. Tiña un corpus reivindicativo sen fendas, no que a defensa dos intereses galegos casaba cos da humanidade en xeral. O malo é que este ano, para non repetirme –ou para repetirme sen que vostedes se deran conta, engadindo algún detalle novidoso- informeime de máis. Por un lado, aínda que estean por demostrar contundentemente as consecuencias negativas de andar bailando o horario (entre outras cousas, porque ningunha institución mete cartos para investigar efectos teoricamente contrarios ós beneficios económicos), resulta que as vantaxes de que ós galegos non traten como a polos de granxa estímanse nun miserento aforro enerxético do 0,28%.
Traducido ó nivel dos nosos petos, aquí aforramos na factura da luz 1,2 euros, mentres unha familia catalana paga 6 euros menos, que non deixan de ser mil pesetas. Con todo, o aforro aquí e aló debe ser similar a poñer dous ou tres días festivos máis. A razón última de que España toda estea fóra do seu horario natural (Galicia moito máis, Cataluña menos) e comparta o de Polonia ou Hungría foi, segundo algunhas opinións, unha decisión dalgún Goberno de Franco para facerse os europeos e minimizar inconvenientes ó incipiente turismo transpirenaico. Así que propoño que, en lugar da vixente reivindicación de que o que na RTVG (xa antes do bipartito) chaman hora galega sexa distinta da hora española, fagamos unha oferta xenerosa e integradora: que a hora española se achegue ó que debería ser a hora galega. Incluamos a oferta na reforma estatutaria e a ver quen nos chama insolidarios.
(para luns 31 de outubro de 05)
¿onde hai que firmar?
¿de momento aquí e logo xa veremos?
Apúntome.
Bueno! Conte comigo pero xa! Estou atontada desde que cambiou a hora. Hoxe miña nai díxome que se quería escindir de España (no que a horario se refire) pero significou tanto para min… Logo tamén me dixo que Leonor lle parecía un nome horrible. Estou a punto de volvela republicana. En fin, chea de orgullo me ten.
Obrigado pola referência à VA-CA Infelizmente o da “hora galega” na TVG dista muito de ser uma reivindicaçom. Antes semelha uma traduçom ultracolonizada como a de servir um “viño galego”, ou a de morar na “Rúa Xeneral Franco” ou “Rúa Xosé Antón” (ambas existem).
Reino infeliz, país desventurado…
Si, en Silleda. Primeiro vin a de “Xosé Antón” e pensei que era un célebre local, ata que vin “Xeneral Franco” (creo recordar que ata era “Xeral Franco”)
Que pasa, polo menos galeguizamos o nome… Outros séguenlle chamando El generalísimo.
É certo que en España enteira nos rexemos por un horario antinatural.
Pero como case todo ten unha segunda lectura, o certo é que en España os horarios laborais tamén van retrasado con respecto a países como Francia, por exemplo, o que compensa esta diferencia. Dito de outro xeito, o tópico de que en España nos deitamos máis tarde e nos erguemos tamén máis tarde está en grande medida compensado por ese horario oficial desfasado. O que non sei é que foi primeiro, se os horarios laborais son consecuencia do horario oficial ou viceversa.
Tamén hai que facer notar que o horario que se cambia é o de verán e o máis parecido ó natural é o de inverno. O horario natural de España sería retrasar unha hora máis, como en Portugal ou o Reino Unido, en Galiza todavía iríamos adiantados en torno a 20 minutos.
Lamento caer no nefando localismo, Kate, pero en Monforte as cousas fanse con xeito: a Avenida Calvo Sotelo convertémola en Avenida Leopoldo Calvo Sotelo.
Ah, e á Avenida General Franco, o mesmo goberno de Coalición Galega púxolle Avenida de Galicia. E temos rúa de Castelao desde mediados dos 70. Eso sí, en cuestión de melindres, non hai color coa súa terra.
hahahahahaha, insuperable o de Leopoldo Calvo Sotelo. E o dos melindres, a min plin, que son celíaca, pero disque están bos, si.
Falando de demócratas-de-toda-la-vida: alguém sabe qual é o vínculo de consanguinidade que une o aludido Xosé Antón e o Miguel Primo de Rivera, súper-amigo do príncipe Felipe?
p.s. a minha rua favorita de Monforte é a da Duquesa de Alba.
Habería que facer unha porra para o novo nome do Hospital Juan Canalejo na Coruña.
http://www.lavozdegalicia.es/ed_corunia/noticia.jsp?CAT=127&TEXTO=4214474
Por certo, inmensa Mar Barcón, “porque Juan Canalejo ya no es el nombre de una persona, sino una marca de calidad sanitaria en Galicia, España y Europa” e “no es fácil sustituir un nombre por otro. Es como si a estas alturas quieres llamar a la Coca-Cola con otro nombre”.
O do Juan Canalejo vai mañá (ou hoxe a última hora). Permanezan atentos á súa pequena pantalla.
Subcomediante: sempre pensando no mesmo
Home, como é “unha marca de calidá sanitaria en Galicia….” o mellor é facer coma en Silleda: O Xoán Canalexo, para que ninguén perda as referencias, haha.