Etiquetas

, ,

Entre os máis entusiastas polo nacemento do novo vástago real están a inmensa maioría dos correspondentes de medios nacionais. Saben que entre o natalicio e o debate do Estatut, non a van rascar nun par de semanas. Entre os verdadeiramente amolados, ademais dos republicanos profesionais, están o resto dos periodistas, sobre todo ós que pillou de garda a real rotura de augas. Porque hai que recoñecer que, aínda cando todos os xornalistas teñamos unha vocación innata ou adquirida de darlle ó público o que se merece ou pide, no fondo temos un remoto atavismo de profesionalidade. E se hai un campo ermo onde non hai nada que sachar, despois das entrevistas a sindicalistas, futbolistas ou misses, é un natalicio. Nunha necrolóxica sempre podes resumir unha vida, reproducir recordos de amigos e inimigos, pero dun recén nacido, ¿que hai que contar? Ata a Juan Carlos Valerón ou a Penélope Cruz lle das sacado algunha frase, pero un bebé non fai declaracións.Así que frases como “es un poco gordita” encabezan titulares e adquiren importancia de pensamento revelador. Mesmo o dato irrelevante –por efímero, xa medrará- do que mediu, 47 centímetros se repite ad nauseam (no buscador Google, “47 cm + Leonor” ofrece 48.000 resultados, contra 17.600 de “24 cm + Rocco Sifredi”). Así que a miña máis rendida admiración a todos aqueles colegas que dan abarrotado páxinas e horas a conta do evento. Claro que eles, a clase editorial e política, son os máis conscientes de que están a facer un mundo dun parto, así que tentan vestir o que non deixa de ser unha peripecia moi emotiva para familiares e amigos como un crucial acontecemento político, erguendo o debate das implicacións no texto constitucional.A previsión das circunstancias laborais dunha nena para dentro de 30 ou 50 anos, ou nunca, teñen máis urxencia e máis consenso que satisfacer as expectativas do 80% da sociedade catalana.

Ese (chamémoslle) cinismo nas superestructuras contrasta coa (chámanlle) serenidade das infraestructuras, é decir a xente, que na inmensa maioría alégrase pero a modo, consciente de que a cousa nin lle vai nin lle vén, alomenos mentres non inflúa no euribor. Logo están os que practican o exhibicionismo emocional ou físico. Noutras monarquías, o fervor e a fidelidade á institución demóstrase en actitudes certamente patéticas (sempre é patética a devoción vertical) e algo entrañables, pero aquí é completamente friki. Non se diferencia a reverencia popular ós monarcas da admiración ós concursantes de Gran hermano.

Aquí o minuto de gloria para o vulgo foi para o do bar que deixou acampar toda a noite ós periodistas e para aquel tipo vestido de botones Sacarino que apareceu co primeiro regalo e que, sen complexo ningún por terse que ganar a vida disfrazado, vai e saúda todo campechano como se a cousa fora con el. Por certo, se algún día me executan, o meu último desexo será botarlle un ollo á nave onde se gardan os regalos todos que se lle fan á familia real.
botones

Hai que admitir que máis elegantes foron os admirados, poñéndolle Leonor nun tempo en que a demanda social esixe chamarlle Yaiza ou similar. Se chega a ser neno e lle poñen Pelayo como reclamaban sectores sen sentido do ridículo, veriamos a III República.

( mércores, 2 de novembro de 05)

Advertisements