Etiquetas

,

Moitos debates despáchanse argumentando que a cuestión debatida ou as diferencias son “nominalistas”, ou sexa correspondentes ás formas volubles e prescindibles, e non ó fondo constante e importante das cousas. Curiosamente, os debates, grandes e pequenos, que saturan estes días o aire como as microondas dos móbiles, son por cuestións nominais.Por exemplo, ese do proxecto de novo Estatuto catalán do que polo menos os máis enterados de vostedes quizais teñan escoitado falar. Sería de supoñer que un estatuto, algo tan complexo que ata hai que estudialo para sacar unhas oposicións, teña una chea de intríngulis. Eu particularmente son algo aprensivo no que respecta ó capítulo económico, dada a demostrada habilidade fenicia dos propoñentes, pero se hai un caso claro de aproveitamento económico dunha situación política é o de Madrid, que de vila creada no medio dun páramo afastado chegou a potencia económica, e ninguén di nada. A maiores, a cláusula do proxecto de Estatuto valenciano consensuado por PP e PSOE que di que eles terán o que lles dean ós demais xuridicamente paréceme unha chafallada, pero tampouco creou polémica.

Sen embargo, como sintetizou brillantemente no seu día o noso alcalde e confirmou onte igual de brillante pero con menos acento o noso paisano Mariano Rajoy, o inadmisible do Estatut vén –afortunadamente- ó principio: Cataluña é unha nación. E como nación é España, segundo a Constitución, acabouse o conto. (Para os lectores menos enterados ou que non prepararon oposicións, a Constitución é un conxunto de leis que en 1978, cando aínda estaba quente o cadáver político do franquismo, acordaron unha serie de representantes políticos e que a cidadanía, non convencida de todo de que o cadáver era cadáver, votou que si, que o que fose.

Ignoro as razóns polo que aquel conxunto de normas se convertiu na Palabra Revelada que outros representantes políticos non poden tocar, pero quizais veñan na web do PP). Se aquí imos ter outro follón polo mesmo, como parece, propoño que nos denominemos Reino de Galicia (será por reis), e a ver que argumentos históricos hai en contra.

Pero o debate nominalista axexa tanto no macro como no micro. A proposta de cambiarlle o nome ó que lle chamaban a Residencia da Coruña leva o mesmo camiño. Juan Canalejo (para os lectores, etc) foi un individuo cuios méritos para que lle dedicaran un hospital consistiron en subministrar unha chea de órganos. Desgraciadamente, en 1936 aínda non se facían transplantes e nin agora valen os órganos con buratos de bala. É decir, un Hospital “Juan Canalejo” é algo similar a un Xardín de Infancia “Herodes” ou a unha Axencia Matrimonial “Landrú”.

A pesar de que o franquismo obrigou a cambiarlle o nome ata á ensaladilla (de rusa a imperial), agora hai espíritos progresistas que recean da mudanza nominal en base á solidez da imaxe de marca “Juan Canalejo”, como se o prestixio dun hospital non residira na excelencia profesional (o Hospital Militar pasou a ser Abente y Lago, e aínda ganou) senón na marca, como os deterxentes (e incluso neste ramo Mister Proper cambiou a Don Limpio). Tamén neste asunto teño unha proposta conciliadora e respectuosa coa historia: Hospital “Paseador Juan Canalejo”.

(xoves, 3 de novembro de 05)

Advertisements