Estou con Jiménez Losantos e o resto da banda en que o Estatut traerá graves consecuencias. Claro que difiro completamente en que tipo de consecuencias. Non caerá unha praga de langostas (ou si, pero pola desertización do territorio) nin choverá sangue, nin os primoxénitos sufrirán máis mal que o ter que vivir na casa paterna ata os 35. Pero os municipios esixirán máis competencias, sobre todo en urbanismo, e eso si que será a xeneralización da marca da besta. Enténdanme. Non son contrario á descentralización local, nin estou calificando ós gobernos locais de incapaces. En Galicia, a metade dos concellos o que deberían solicitar é a eutanasia administrativa ou a concentración parcelaria, pero a outra metade dá moitos máis servicios que os que lle corresponderían polos ingresos que teñen, e é xusto é necesario que reclamen. A esas administracións locais que existen realmente e non como residuo dunha planificación que xa era pouco axeitada cando a crearon, eu confiaríalles aspectos como a seguridade cidadá, a xestión de infraestructuras como portos e aeroportos e todo o que queiran. Todo menos o urbanismo. Que as corporacións locais teñan o control absoluto do urbanismo é como encargarlle o control das armas á Asociación Nacional do Rifle, darlle a presidencia de Érguete a Sito Miñanco ou a Bush o mando na ONU.

E non é que sexa un experto no asunto. A única vez que solicitei unha licencia de obras, para reformar a cociña e os cuartos de baño, no papel que me deron viña un adhesivo que especificaba que ma concedían “coa reserva do que estableza o Plan de Ordenación Urbana actualmente en proxecto”.
-¿E esto da reserva que quere decir? –inquirín todo mosqueado á funcionaria que me atendía.
-Home, por se deciden facer por aí unha carretera ou unha rúa…
-¿Na miña cociña?

Son un ignorante, como ven, pero teño ollos para ver as consecuencias estéticas dos urbanismos municipais e para ler noticias como a de que o xuíz que leva o caso “Ballena blanca” de branqueo de capitais na Costa del Sol meteu na trena ó alcalde de Manilva (Málaga) e ó seu cuñado por prevaricación. É decir, por recalificar unha finca de máis dun millón de metros cadrados e porque lle descubriron na casa, en bolsas de plástico, 800.000 euros que alguén lle debeu dar por se axudar ó progreso do lugar non era satisfacción bastante. Xa sei que este é un caso illado (dobremente illado: non todos os alcaldes actúan así, e os que actúan así non gardan o botín na casa en bolsas de plástico), pero boa parte do urbanismo actual ofrece o mesmo resultado que se fose unha conducta xeneralizada. Así que todo ó poder ós concellos, quitado en urbanismo… aínda que ben mirado, o do transporte… e tamén o do tráfico… ¿Que tal máis cartos, menos competencias e un exército pequeno?

(luns 7 de novembro de 05)

Advertisements