Eu coincidin con Manuel Olveira hai unha chea de tempo nun debate televisivo sobre culturas alternativas e tal, eu de representante do bravú e Toñito de Poi do antibravú, eu esbardallando contra Toñito que el era máis bravú que ninguén, e el desmentíndoo. Olveira tentaba poñer racionalidade e alta cultura no asunto, e por eso me quedei co seu nome. Agora nomeárono director do CGAC, e como se nada. Xa sei que saiu nos medios -dígoo para que Mourullo non me pase polos fuciños unha chea de links- pero non deberon darlle moito bombo (eu soubeno por Vieiros). Todos os que enchen páxinas e tempo con disquisicións sobre movementos subterráneos, acordos e trasacordos no goberno galego déronlle a mesma importancia á designación do rapaz discreto que levou Hangar ós mentideiros da arte europea que se puxeran ó cuñado de alguén. Os mesmos que recollerán logo opinións de intelectuais que len a Dan Brown (ou é Don Braun?) e se queixarán do elitismo da política cultural en vista de que non se poden queixar do enxebrismo.

Advertisements