O outro día, nun debate parlamentario que me tocou presenciar, o deputado Balseiro Prol do PP recomendoulle ó do PSdeG Lage Tuñas que pisara máis os portos e menos a moqueta. Ignoro os costumes pisatorios de Lage Tuñas, pese a que é dos meus deputados favoritos, pero chamoume a atención tanto o uso da expresión (que data obviamente de cando a moqueta só existía nos despachos e nos decorados das películas do desarrollismo) como que a empregara o representante dun partido que levaba no poder desde antes de que o advertido tivese idade de votar. Agora a moqueta está en franco desuso, e debe ser polos estraños efectos que provocaba nos que pisaban nela.

O máis salientable, segundo o uso que lle deu o deputado Balseiro, é o efecto impermeabilizador sobre a realidade e/ou a sociedade. O seu poder realidífugo debe ser máis potente do que se pensaba. Por exemplo, agachados baixo das moquetas de San Marcos había unha morea de programas, películas, proxectos, guións e sinopses por valor de 54 millóns de euros. Que Superpiñeiro leve 17 anos en antena mentres existía ese fondo de armario televisivo sen usar soamente se explica por ese efecto moquetil.

Tamén noutro santo veciño, San Caetano apareceron facturas de móbiles que quedaran a cañón. Por valor de 15 millóns de euros, segundo os que presenciaron a aparición, mentres outros descridos rebáixanos a 5. O monto tanto ten, as circunstancias inexplicables que rozan o milagre é como non lles cortaron o servicio, como había tanto móbil solto e como deron gastado tanto. Dividindo a débeda media entre os dous mil e pico números morosos sae unha facturación de 4.500€ por móbil, unha cifra que eu non dou gastado en dous anos. Tendo en conta que eses usuarios pasaban o horario laboral no despacho, para acumular ese pufo debían pasar o día baixando músicas (“si quieres descargar ‘Xuntos’, envía tonoXuntos o poliXuntos al…”) ou votando por SMS (“¿quieres decidir el futuro del PPdG?: manda ‘sucesor_Feijoo/Cuiña/Barreiro/Veiga’ al…”). Con todo, non son casos tan graves como o do Ministerio de Interior de Irak, onde se acaban de enterar que tiñan nos baixos unhas mazmorras cheas de xente que a saber como foi dar alí.

Non todos os descubrimentos os fan os primeirizos en pisar moqueta. Por exemplo, Manuel Fraga, que leva toda a vida desenvolvéndose nese hábitat enmoquetado, debeu reparar hai pouco nunha esquina despegada e caer na conta de que fora ministro de Franco, e non tivo máis remedio que saír en defensa da memoria do dictador. E tamén hai casos de moqueta pétrea. O presidente Foro da Familia, Benigno Blanco, fixo recentemente unhas encendidas declaracións esixindo ó goberno que atendera as demandas da sociedade enteira, porque un goberno ten a obriga de escoitar “la voz de la calle”. Se BB baixara da nube, recordaría que hai ano e pico pisaba a moqueta da secretaría xeral de Infraestructuras, é decir, formaba parte dun goberno que desprezaba tanto a opinión da rúa como a dos grupos parlamentarios que non foran o propio (incluído o de Coalición Canaria, que xa son ganas de non pactar).

Debaixo dos adoquíns resultou non estar a praia que soñaban os antecesores dos queimacoches franceses, pero debaixo das moquetas ocúltanse mundos complexos e universos paralelos nunca imaxinados. Sexamos realistas e pidamos a desinfección das moquetas.

(Para luns, 21 de novembro de 05)

Advertisements