Tiña máis ou menos firmemente decidido escapulirme de comentar os aniversarios, o cabodano de Franco e o cumpreanos da monarquía. O home propuxo, pero e o columnista dispuxo en canto resultou alcanzado de cheo polos fastos mediáticos sobre a morosa agonía do dictador e a celeridade na proclamación do sucesor.

Da morte do tipo que aparecía en todas as moedas teño un recordo vívido do momento en que souben dela. Acababamos de subir un amigo e eu nun autobús, e vimos a portada do ABC que levaba un pasaxeiro, co mesmo careto (o ABC, non o pasaxeiro) que saía nas pesetas sobre fondo negro a sangre (non é guerracivilismo, quere decir sen marxes, negro ata as beiras da páxina). Se hai algún sorprendido porque non nos enteramos pola radio, aclarar que daquela a información radiofónica consistía –e seguiu consistindo dous anos máis- en conexións obrigatorias cos “partes” de RNE a mediodía e pola noite, ou sexa que non había moito costume de informarse pola radio, e non sei se siquera tiña transistor (non, tampouco había internet).

Daquel día recordo que saíu na tele un orellán coa boca pequena, saloucando “Franco ha muerto”. Daquela noite teño unha lembranza nebulosa, e da mañá posterior, da primeira que clareamos politicamente orfos, nada de nada. Dos días seguintes, entre o 20 e 22, soamente acordo de ver na televisión as inmensas colas para ver a Franco morto (ou comprobar que o estaba). Da conversión de Estado Providencial en Monarquía Delegada, tampouco nada, ata estes días en que repoñen a película.
Escoitei tamén ó rebufo deses fastos que a memoria é unha máquina de esquecer, máis que de recordar. Conformaríame con que se dixera unha verdade así por ano. As guerras son as guerras, xa se sabe, aínda que a de aquí fose especialmente besta. Lin en algures que a represión nas retagardas produciu 40.000 mortes de dereitistas e 150.000 de republicanos, e moito máis dura e completamente desigual foi a posguerra.

Sen embargo, aseguraría que na memoria do franquismo sobrevivirán, máis que os aspectos tráxicos, os traxicómicos. Cando os vencidos consigan dalgunha forma o recoñecemento que se lles negou sempre, seguro que uns e outros coincidirán en asombrarse de ridículos reveladores da miseria xeral como sancionar a un señor por manter unha conversa telefónica cun amigo nun idioma distinto do do imperio (exemplo baseado en feitos completamente reais). O problema é que a cuestión monárquica leva estes trinta anos na fase caudillo-por-la-gracia-de-dios. Mesmo eu, que adestro de escéptico, sorprendinme sorprendéndome de escoitar –e non precisamente en Radio Pirenaica- novidades como que o actual representante desa institución lle pedira, na transición, financiamento para a UCD ó Sha de Persia, en plan solidariedade inter-maxestades. Aquel que tanto saía no ¡Hola! xiroulle mil millóns de pesetas, pero ó partido de Adolfo Suárez chegoulle unha cantidade moi inferior.

Do individuo protagonista do primeiro aniversario quedan uns residuos materiais e psicolóxicos que, por raros, son carne de reportaxe. No segundo caso queda moito por saber antes de poñer a funcionar a máquina da memoria.

(para mércores, 23 de novembro de 05)

Advertisements