O de que o home (e a muller) son seres racionais non deixa de ser unha convención. Se nos dixeran que deramos uns euros cada semana para xuntalos todos e darllos a un ou repartilo entre varios, uns dirían que non e outros que si, pero ninguén os daría sen coñecer os suxeitos ou os obxectos beneficiarios. Sen embargo, xogamos ás loterías.
Home, damos eses cartos por se nos toca a nós, dirán vostedes. Evidentemente, pero dado que nunca nos toca a nós (se no seu caso concreto me equivoco, aquí me ten para o que dispoña), ¿non prefeririamos que lle tocase a alguén que o merecese/necesitase, en lugar de tocarlle, como pasa moitas veces, a xente que non os merece/necesita? Esta sería unha boa liña argumental para que se fixeran socios dunha ONG, pero non vai por aí.
É que o outro día asistín á entrega do cheque do premio de 45 millóns e pico de euros que ganou alguén en Zas xogando a Euromillones. Foi o acto informativo máis frecuentado dos últimos meses, porque os convocantes non deixaron claro se ía estar presente o chamado agraciado, e todos queriamos dalo a coñecer e entrevistalo. Unha pretensión –a do público de saber quen é, e a dos periodistas de satisfacer esa curiosidade- tamén reveladora do uso parcial da razón polo ser humano, porque xa me dirán que importa quen sexa e o que diga. A pretensión, irracional ou non, é tan forte que ata acudiu un patrón desde Zas a ver se descubría a identidade do veciño millonario (eu estou medio convencido de que era el, pero en fin).
Convenientemente interrogados o do banco que cobrou o cheque (que si coñecía o nome do seu benefactor) e o loteiro (que non), o único que quedou claro é que o afortunado non tiña gana ningunha de saír do armario do ir tirando. O vendedor aseguraba que había “varios sospeitosos”, todo aquel que compraba un coche ou saía de viaxe, pero nada en firme. E eu pensei nesa pobre (nunca peor dito) persoa (que foi o único que lle sacamos ó do banco, que era unha persoa, física e non xurídica). Alí en Zas, de viaxe ou cun coche recén comprado, pero cargando co tremendo peso do secreto de ser 7.500.000 millóns de pesetas máis rico. ¿E como e cando te libras dese peso (do segredo, non dos millóns)?, ¿logo de terllo negado repetidamente ós veciños sóltalo un día no bar, despois de convidar a unha ronda?, ¿ou cálalo ata que desapareces un día do lugar para non volver?
Non é que queira turbar a felicidade do anónimo afortunado, pero debería ser consciente da que lle está a armar ós demais e a el mesmo. Moitos dos veciños sospeitosos deben estar sufrindo o acoso dos amigos que lle contan as súas penas económicas, e ó non ter resposta, a relación vaise resentir. E no seu caso, ¿con que cara volve?, se é que volve. Xa sei que os cartos superan todas as barreiras, pero sempre estará no aire o reproche: ese foise porque non eramos bos de abondo para el.
Ou sexa que eu introduciría dúas posibles reformas en Loterías y Apuestas del Estado: ou se revela por decreto a identidade dos ganadores, ou os premios se adxudican por concurso de méritos (nesta segunda opción, eu sei dun con moitos).
(para xoves, 24 de novembro de 2005)
Carai, que ben expresou vostede as preguntas que me fixen eu sobre o tema, e que debatín con algún que outro que soñaba esperto, coma min. Eu tamén diría que é un “pobre home”, é case peor ca ser testemuña dun atentado, que tamén ten tea. Eu creo que sairía do armario, non?
Eu non podería evitalo, sobre todo nun sitio como Zas. Outra cousa é aparecer co careto nos medios, pero ¿decilo?, non faría nin falta, notariaseme.
Eu non sei que faría. Vouno pensar.
Eu subscrevo o do concurso de méritos
Ben, o meu comentario ó respeto é, como vostede entenderá, contraproducente co que se está a comentar. Por sorte ou por desgracia non me tocaron nin a min nin a ningún dos meus achegados eses famosos corenta e cinco millóns, mais non vexo por qué debería ser obrigatorio a revelación da identidade do afortunado/a que lle tocase tal premio.
En primeiro lugar, alusionando motivos de seguridade persoal, xa que a nova capacidade adquisitoria do individuo podería traerlle consecuencias nefastas, por exemplo, se alguén se atreve a entrar nos seus dominios con fins delictivos.
En segundo lugar, e dada a posición xeográfica do mesmo, a revelación da súa identidade xeraría gran descontento entre os veciños se éste non cede parte da súa fortuna en obras ou infraestructuras de carácter público que, por outra parte, axudarían na mellora dos servicios nun concello rural e pequeno como é Zas; pero sen embargo son servicios que xa nos encargamos todo-los galegos de cubrir cos nosos impostos.
Non sei se, como se comenta, o propietario dos cartos segue ou non en zas ou secadra no panorama nacional, pero creo que ten todo o dereito a non amosa-la súa identidade se non quere. Tamén ten todo o dereito de gardar todo o diñeiro para el, pois non creo que ningún veciño de Zas puxera un só euro nas mans do afortunado para paga-lo boleto gañador. Non creo que ninguén que estivera toda a vida traballando coma un negro, e que lle tocase por fortuna algo así, o faría. Todo o mundo ten dereito a unha vida digna e a intimidade, ¿non?
Non quero que ninguén se sinta ofendido por estas palabras, pero oín moitos comentarios acerca deste tema e a maioría eran bastante disgustantes. Só é unha opinión.