Etiquetas

, , ,

Se algún día xurde a iniciativa de cambiar o noso vello, entrañable e interminable himno que reproduce as conversas que mantén a foresta do monte sobre aspectos patrióticos, eu propoño desde xa e desde aquí aquel dos Luthiers que comeza:

Ya el sol asomaba en el poniente
ya el cóndor surcaba el firmamento
y la patria gloriosa, heroica y valiente
de victoria profiere el juramento…

e remata:

Ya los fieros enemigos se alejaron
no resuena el ruido de sus botas
nos pasaron por encima y nos ganaron,
nos dejaron, en derrota.
Perdimos, perdimos,
perdimos otra vez.

Efectivamente, desde que apostamos por Juana la Beltraneja en detrimento de Isabel a Católica, historicamente non atinamos nin o complementario, e nos últimos días perdemos dúas veces.

A primeira, cando Florentino Pérez se sacou a espiña dos desgustos deportivos que lle dan os seus empregados millonarios mandando unha OPA sobre Unión Fenosa e contra os seus socios galegos (o que tecnicamente se chama dar unha labazada en cara allea). A segunda, cando a UNESCO non aceptou a proposta de declarar “obra mestra” do Patrimonio Inmaterial da Humanidade a cultura oral galego-portuguesa. Desde o punto de vista oficial, as dúas derrotas son unicamente batallas perdidas de guerras que aínda non remataron. Un consolo relativo, en primeiro lugar porque de ganalas terían rematado esas guerras. En segundo, librámolas porque antes perdemos outras. No caso da compañía eléctrica é unha loita por reconquistar o que deixaron perder entre o beneplácito e os aplausos da Galicia oficial. No outro é un intento de que recoñezan como digno de manter algo, a nosa cultura oral tradicional, que nós propios deixamos que estea en risco de desaparecer. O sexa, a habitual manobra de apreciar algo que temos diante dos fuciños gracias a que o aprecien primeiro fóra (“¿E din que esto ten mérito?, eu ver non llo vexo, pero se o din…”).

Nos dous asuntos pecamos –ben, a verdade é que pecaron outros, pero asumamos a parte alícuota- de pinzos voluntaristas. O do Patrimonio foi un esforzo ímprobo pouco menos que individual, lanzado a puro huevo entre a desidia oficial. A anterior administración autonómica tiña moita máis práctica e moito maior interese en promover verbenas que iniciativas culturais. No ministerio de Cultura non tiñan nin idea de que se podían presentar cantas propostas se quixera se eran transnacionais, e en canto llo dixeron os do galego-portugués. déronse presa en propoñer o flamenco, en base primeiro ó moito que se practica no Xapón e logo na comunidade de raíces mediterráneas (claro que o flamenco non só non está a punto de desaparecer, senón que o que necesita protección contra el e o resto do mundo circundante). Así que os únicos que se mollaron algo foron o Goberno portugués e, ás carreiras, a actual Xunta.

Con todo, hai un balance positivo. Seguimos sendo unha sociedade que fundamentalmente se recoñece nas derrotas, pero xa estamos na fase de, polo menos, sabernos equipo.

(para luns, 28 de novembro de 05)

Advertisements