Estamos inmersos na celebración, íntima pero afervoada, de que a UE afrouxará por fin 257 millóns de euros europeos para o porto exterior. A conmoción da noticia (noticia relativa, porque que os ían soltar xa o sabía todo o mundo, incluído Álvarez Cascos, que nin os pedira) non debería distraernos de informacións menores, como que a Junta de Andalucía lle retirará as competencias urbanísticas ó concello de Marbella, ou o debulle que fixo o conselleiro de Medio Rural das obras paralizadas pola Xunta. Non debería porque todos estes fenómenos obedecen ás mesmas causas.

O porto exterior (o Porto Exterior, segundo a terminoloxía oficial) é, como terán deducido vostedes pola súa conta sen ter que prestar atención ós discursos, unha infraestructura indispensable para asegurar o futuro da cidade, da comarca, e de Galicia enteira. Desafortunadamente, tivo que espetarse un petroleiro, que as autoridades pensaran que o asunto se amañaba con comunicados, que á sociedade galega se lle incharan as narices e se manifestara, que Aznar non tivera outro sitio mellor onde facer un consello de ministros que María Pita e que o alcalde Vázquez tivera a indiscreta precaución de andar furgando nas fotocopiadoras, comprobara que nos acordos non estaba o PE e montara un dios, para que se chegase á conclusión de que había que facela, no último minuto como nas películas de 007. En resumo, se o petroleiro ou as autoridades fosen máis espelidas, Aznar fose a Cedeira e a Paco Vázquez non lle dera por inspeccionar a sección municipal de reprografía, o PE seguiría no limbo das cousas e das causas xustas. Se no porto de sempre, progresivamente baleiro, non houbera unhas parcelas providenciais coas que amañar o sky line que tiñamos incomprensiblemente fanado e de paso achegar uns cartos para o PE, A Coruña, a comarca, etc. sumiríanse na decadencia máis irremediable. Menos mal que Deus escribe recto con trazos tortos, e máis en cuestións marítimas.
En Marbella tiñan parecido problema de abrirse camiño ó futuro. Había unha jet e unha chea de veraneantes de postín, pero tamén algúns pobres que afeaban o conxunto e, sobre todo, poucas posibilidades de desenvolver axeitadamente o potencial inmobiliario da zona. Afortunadamente, caeulles do ceo a oportunidade de votar para alcalde a un empresario dinámico e con dotes mediáticas para distraer a atención e evitar que se centrara no cumprimento da normativa urbanística. Un problema cuspidiño ó dos alcaldes que protestaron o outro día no Parlamento baixo a consigna “Outra máis”. As prometidas e logo denegadas actuacións (campos de golf, aparcamentos para restaurantes, servicios para tanatorios…) poderán parecer cousa miúda ó lado do PE ou do de Marbella, pero, a escala, obedecen ás mesmas necesidades revitalizadoras das economías locais. E á mesma concepción das autoridades como conseguidores do que sexa. Se logo o que sexa sirve para algo ou non está de dios, pero no entanto foron uns cartiños e uns postos de traballo que se disfrutaron. Así, temos unha Cidade da Cultura, dous PE, tres aeroportos, catro trazados do AVE… e cando paremos de contar, que nos quiten lo bailao.

(para xoves, 1 de decembro de 05)

Advertisements