Eu teño unha relación ambivalente con Madrid, probablemente como todos os que viviron unha etapa da súa vida nesa cidade, dependendo de como lles fose, claro. A min mal non me foi e conservo un recordo moi agradable do ambiente, das cañas e as patacas bravas, dalgunha xente e daquela inxenuidade receptiva que entón tiñan os madrileños polo moito que lle era alleo, como unha amiga miña que volveu da súa visita a Galicia sorprendida de que houbera moitos verdes distintos, non o verde-verde de sempre. Puxen “tiñan” porque teño unha colección de impresións de que xa non é así.
Teño experiencias persoais, desas que non valen como argumentos, como o incremento do trato displicente que recibimos de cando en vez os que traballamos para empresas alí radicadas (como exemplo, no novo programa informático que uso, o cartafol que antes se chamaba “Galicia” agora chámase “regional”). Ou o feito de que amigos, coñecidos, e demais familia alí residentes, contan tan naturalmente que non consumen en tales supermercados porque son vascos ou cataláns (os supermercados, non eles).
Tamén percibo impresións fragmentarias, granos deses que non fan granero, como o desapego co que o mandado de Florentino Pérez que está á cabeza de Fenosa despachaba as preguntas sobre as relacións da empresa coa Galicia que encheu de encoros, ou a recente decisión de Iberia de suprimir as conexións cos aeroportos galegos que non sexan desde ou con Barajas.
Este comportamento do que sospeito sen estudio ningún que o sosteña, entenderíase se os cidadáns da Comunidade Autónoma que rexe con tanto tronío Esperanza Aguirre visen merada a súa importancia a conta de que medren as demais, pero a realidade é outra, segundo –esta vez si- un informe publicado recentemente por A Nosa Terra. Resulta que paralelamente a ese avance dos separatismos, Madrid foi enchendo o peto. Acapara o 80% dos bens do Estado e a mesma porcentaxe das grandes empresas. Pasou de ter o 14% do PIB estatal que tiña en 1980 ó 17,35% o ano pasado, e desde 1995, é a terceira rexión europea que máis medrou.
Gracias ó esforzo dos seus industriosos veciños, evidentemente, pero con axudiñas oficiais como que a metade dos cartos que gastou Fomento en 2004 foron para a ampliación de Barajas (o total que custará serán 6.600 millóns de euros, dous tercios de todo o presuposto de Galicia, e sen ter que vender a Castellana ou o Retiro para financialo). Entre unhas cousas e outras, alí recádase o 44% do total dos impostos españois. En resumo, que se rompe España é polo centro, por sobrepeso.
Non é nada persoal, por suposto. No momento que escribo esto, teño un concuñado ben agobiado en Ikea Alcorcón -“Joé, no sé que pasa que hoy vinimos todos aquí, no hay ni donde aparcar”-, cargando unha chea de pezas para estanterías que se ofreceu a traerme. (Afortunadamente, Ikea é sueca, se chega a ser de Vilanova i la Geltrú, xa nin me atrevería a pedirllo segundo a quen). Pero unha cousa non quita a outra, podemos ser amigos pero cada un que atenda ó seu. Ou sexa que, como pintaba nas paredes un amigo naqueles tempos de cañas e bravas: “¡Madrileños, pedid la independencia!”.
(xoves, 8 de decembro de 05)
Eu cando se fala de “Madrid” e dos “madrileños”, sempre teño a mesma dúbida. ¿Falamos da cidade manchega e dos que naceron, traballan alí e gozan/padecen ser tamén o centro das Españas? ¿Ou da capital do Estado e dos que tanto naceran alí ou noutra parte desexan polas boas ou polas outras que todos sexamos “afectos” á relixión unitarista?
Eu, que compartin tempos, conspiracións e amizades con vde en Madride,como lle chamaba algún (aquelas crepes de ma bretagne….)estou totalmente de acordo con esa apreciación, pero multiplicada por dez, de maneira que, se teño que ir por traballo, fago o que teño que facer e saio escopetado. A última vez que botei tempo ali (cousa dun cursiño) decateime de que os camareiros criaran tanta malaleche que ao mellor era contaxiosa. Non sei, seica trátase da sensación de saudade que aparece cando volves a algun sitio onde fuches mais novo e mais feliz. O caso é que eu fago as miñas compras en Ikea-barakaldo, que tamén son suecos, pero con txapela.
¿Qué pasa? ¿Xa non quedan carpinteiros en Galicia ou que? ¿Ou é só porque IKEA ten menos letras?(que é unha forma popular de dicir que ten o márketing máis coidado)
No persoal: Eu coido que a xente que vive nunha grande cidade non ten conciencia de que exista algo máis aló da metrópole. Unha especie de pailanismo urbanita, que fai que un madrileño mire como raro a un non madrileño; ou un coruñes mira como raro a un de Carballo, un de Vigo a un de Ponteareas…
No político: A miña impresión é a de que o PP, na súa segunda lexislatura, a da maioría absoluta, fixo todo canto puido por centralizar o que fose, polo legal e polo económico, cunha fin bastante clara, que era barrer para a casa.
Sen dúbida, ese “que se rompe España é polo centro” é o mellor retrato do panorama.
Se lle contara o meu cos carpinteiros… claro que os hai, pola miña casa desfilaron unha chea deles.
😀 Xa non quedan bos profesionais. Pero sempre queda a opción “do it yourself”. No peor dos casos, poderá fardar de ese toque rústico do seu mobiliario. (Hay algún importador de decoración que sigue unha política de ese tipo: “¿mal feito? ¡Que va! E que é rústico.” e xuro que non invento nada, por iso o meu alegato.)
Eu concordo com o do pailanismo urbanita e é certo que cada vez se nota mais também nas cidades galegas. Suponho que tem a ver com o desarraigo. As geraçons que nascem aquí e perdem contacto com a aldeia dos pais ou os avós. Em Madrid há bairros inteiros, ou quase de gente que nom é de alí, que som estremenhos, ou galegos, ou andaluzes ou de qualquer província das Castillas, mas a urbe fai umha massa com tudo e o absorve. Aliás está a questom política de por meio, e tal como se tem insistido muito nestes últimos dias, Madrid beneficia-se e muito do actual modelo de estado.
“España Directo” deberíase chamar Madrid Directo, porque as conexións fanse en función do que lle pode interesar a un Madrileño cando viaxa por as pintorestas periferias das múltiples Españas: “Que se puede hacer en Galicia además de comer pulpo y empanada, ideas para una escapada de fin de semana”. Non sei como se cura iso, a min quítanseme as ganas de volver a Madrid.
Co comentario de Kate, podo dicir que xa somos tres os que pensamos en “pailáns urbanitas”, e que canto maior é a cidade, máis pailán o seu urbanita. (Enténdese pailán, entre outras cousas, por aquel que descoñece máis realidade que a da súa “aldea”).
España Directo é un programa un pouco subdesarrollado, na liña da programción do prime time de TVE1: información e linguaxe simplona para público que non ten nada mellor que facer a esa hora, é dicir, xubilados, pailáns…, que non o miran todos os que son, pero son todos os que o miran.
È doado entender os sentimentos contrapostos do artigo,pero eu penso que Madrid é moito máis que os xornais madrilenos.Madrid é a cidade máis progresista,aberta é multicultural do Estado Espanol(Lisboa tampouco está mal)
Aos galegos que só ven conservadurismo e localismo en Madrid, eu lembraríalles o conto da palla e da viga.Se mesmo os fachas do Barrio de Salamanca deben ser máis progres que Vázquez.O malo de Madrid sería tomar unhas cervexas no mesmo bar que Rajoy ou Ana Pastor, pero para iso hai que ter moito mal gusto e moita mala sorte,a fin de contas Madrid é moito máis grande que Sanxenxo