Hai anos, un amigo que foi a Madrid por primeira vez, alucinaba co doado que era sacar de quicio á xente. Parado en calquera semáforo, divertíase tocando o pito e comprobando como os outros conductores organizaban unha desconcertada sinfonía de bocinas contra ninguén, porque a luz estaba vermella. A actual situación política española é cuspidiña, e senón conten as veces que asoma a palabra “anexión” nas portadas e nos informativos destes días.
“El BNG pide que pueblos de Asturias y León se unan a la ‘nación’ gallega”, asegura o periódico dos chamados nacionais que máis espacio lle dedicou na primeira páxina. “El BNG plantea una «nación» gallega con derecho a la anexión de pueblos limítrofes”, alerta outro. E se os periódicos chamados nacionais (neste caso nunca mellor dito) postergan o capítulo diario do culebrón Goberno-oposición (e máis agora que reaparece ETA no reparto), imaxinen como se deberon poñer os medios rexionais veciños. Por non falar da reacción aquí deses representantes das tendencias “ay por Dios, que van a pensar de nosotros por ahí fuera” e “ya sabía yo que por ese camino vamos mal”. O raro é que non ilustren a denuncia con aquelas fotos dos soldados da Wermacht rompendo as barreiras fronteirizas cando o III Reich se papou Checoslovaquia e Austria.
En definitiva, todo é unha conspiración para facerme ler eses amenos textos lexislativos. Alá vou: “Poderán incorporarse a Galicia aqueles concellos limítrofes de características históricas, culturais, económicas e xeográficas análogas, mediante procedementos democráticos que serán regulados pola lei”, asegura a deostada e polémica proposta invasionista. É decir, quen queira vir que veña. Pero xa metido en amenidades, resulta que tanto a Constitución como os estatutos xa vixentes (suliñen e comenten o “xa vixentes”) de Castela e León, Asturias, Murcia,… propoñen exactamente o mesmo, e dous ovos duros máis.
O castelán-leonés permite incluso anexionarse comunidades autónomas enteiras (pensando sen dúbida en Cantabria, ou La Rioja, ou xa postos Castela-A Mancha), sempre que elas queiran. O asturiano, coa sensatez habitual, incluso se permite omitir o trámite do permiso dos anexionados, chega coa decisión dos órganos do Principado. Ademais, en ningún caso se precisan esas “características análogas”, vale con que estean ó lado.
En conclusión: 1.-Se aquí se propón a metade dos que outros xa teñen, se rompe España. 2.- Non é que os que fan portadas, editoriais e comentarios usando a realidade como papel en branco que aguanta o que lle poñan non coñezan as normas constitucionais que defenden como á súa nai, é que tampouco as coñecen os que son presidentes ou vicepresidentes en virtude deses estatutos (incluído Aznar, que foi presidente de Castela e León). Con todo, é lástima, home.
Xa imaxinaba o debate interno nacionalista entre os arroutados ansiosos de calzarse a boina guevarista e armarse de cachaba para baixar desde o Cebreiro a invadir El Castro y Las Herrerías (toma toponimia) e o sector tecnócrata, horrorizado de incrementar territorios despoboados ós que asfaltarlle as pistas, poñerlle banda ancha e outros equipamentos equilibradores, que deses xa temos abondo. Moito mellor incorporar Porto (que ademais para os medios chamados nacionais sería ampliar España).
Moi mal Pedrojota! Eu estaba convencido que o BNG xa era o recambio de Montilla nas portadas de El Mundo. E hoxe domingo o gran blufff… Queremos boicot!
Ejem, igual digo unha barbaridade, pero non deberiamos “tirar lastre” en lugar de facernos con máis territorio, que aínda non damos xestionado este. Tiña un amigo (vigués, claro) que dicía que había que facer unha raia que separase coruña e pontevedra do resto, e que lugo e ourense se anexionasen co Bierzo, pero daquí para alá, non ó revés. Fíxome graza, namais.
Enfim, eu penso que é o de sempre, que o problema de abrir a porta a que determinados concelhos tomem essa decisom é que nessas comunidades sabem positivamente que existe essa possibilidade. E ante essa possibilidade, que pom em evidência umha realidade que alguns pretendiam apagar a base de a negar constantemente, pois nom lhes queda outra que ladrar.
A modo Kate. Eu son de Lugo e non teño ningún interese en pertencer ó Bierzo e moito menos ó Fachadolid de Anar e compañía. Déixame seguir pertencendo a Santiago, muller, aínda que nos teñan algo esquencidos ós da banda oriental.
Que si, que si, Fidalgo, que só parafraseaba a un vigués. Cada cousa como é, mal que nos pese e que teñamos o país escaralladiño de todo…
Estou feito un lío. Antes era independentista monárquico (molaría sermos como mónaco), ata que alguén puxo eiqui unha ligazón a unha páxina dos monarquistas galegos. Nunca tal cousa fixera… quedei sen ideoloxía. Pero acábome de facer independentista español. Dende este blog reivindico que España se independice de nos canto antes.
Casualmente, hoxe no telediario deron unha reportaxe sobre a decadencia das pallozas, esas típicas construcciones de los Ancares de León, y de que ya no quedan “teitadores” que “teiten” con paja. Saían uns veciños de Cantajeira ou Cantejeira, falando de que ata lles era caro poñer “oralita” e un deles… cunha bisera da CIG
Isto passa por termos fronteiras, que inda que alguns naceramos já com elas, som um invento bastante recente. Dado que é impossível determinar onde acabamos os bos e generosos proponho anexionemos já a Argentina, Uruguay e a Suiza. Manhá já veremos o que fazemos coa Alemanha.
esqueciu vostede Terranova e Capetón, Sr. niño
¿Algún xornalista me pode facer o favor de preguntarlle a políticios ou outros xornalistas, deses “nacionais”, se omiten referirse ós estatutos aquí citados por IGNORANTES ou por CABRONS?
A “anexión” políticia é unha formalidade, pero a anexión cultural e etnográfica… Poucos sitios lembro eu tan galegos coma os ancares leoneses. Si os chegamos a anexionar, por favor, que non vaian a jodelos con asfalto e formigón.
E para rematar, si isto:
http://www.lavozdegalicia.es/buscavoz/ver_resultado.jsp?TEXTO=100000082559&lnk=35000
non é unha anexión, do tipo “marcha verde”, que alguén me explique a diferencia.
Ollo ao titular! Comezou a guerra anexionista!
http://www.granma.cu/espanol/2005/diciembre/mar13/activistas.html