De verdade que me gustaría comentarlles os apuros para coller os regalos de Nadal, sobre todo os dos nenos, antes de que se esgoten e os dependentes che miren como a alguén fóra da realidade cando llelos pides o 22 de decembro. Ou os apuros para combinar a axenda de comidas e ceas de traballo ou amigos coa escusa de recapitular sobre o ano que se vai, ou sobre que traerá o novo (ademais da prohibición de fumar no choio). Vaia, que me gustaría falar do que nos ocupa a todos, pero desgraciadamente, ós asuntos profesionais é ó que teño que prestar ollos e orellas, e tras deles váiseme a cabeza.
Por exemplo, xa pensei que todos despacharamos cunhas risas o affaire Anchluss, a revelación no BNG da herdanza xenética anexionista inherente a todos os nacionalismos (ou “cada vez que escoito a Milladoiro danme ganas de invadir o Bierzo”). E tampouco lle concedín unha importancia capital á revelación desas conversas telefónicas entre altos cargos de Fomento ó comezo da crise do Prestige. No primeiro caso porque souben casualmente a orixe do rebumbio, que é unha mostra máis de que os proxectos estatutarios espertan máis interese nos alleos (no PSOE de Asturias concretamente) que nos propios. No segundo, que se dean a coñecer agora as gravacións parece unha manobra de distracción do Goberno actual (e moi farto debe estar, porque son unha proba xudicial da responsabilidade da anterior Administración que terá que pagar esta), ou unha vendetta dos altos cargos do PP relegados na última etapa de Aznar, ou un paciente traballo de investigación de IU.
Pero en calquera caso, o revelado non afectaba para nada a convicción que todos tiñamos de que o do Prestige foi unha chapuza desde o principio. Sen embargo, a famosa disposición do Estatuto dos nacionalistas, por moi transitoria que fose, revelouse como a proba definitiva de que os nacionalistas son nacionalistas e todos pensan no mesmo. E o do Prestige sacou a relucir de novo todo o chapapote político… en Madrid, porque aquí pouco pintamos, como da outra vez.
Ou sexa, que nos dous asuntos me equivoquei profesionalmente. O do perverso anexionismo nacionalista (y encima gallego, hay que joderse) serviu para que políticos de comunidades feitas con retallos, por exclusión ou con calzador, vexan o ceo aberto para facer patria (local, rexional ou española, a que máis corra ou todas á vez) e saír nos medios importantes aínda que sexa asumindo o ridículo de denunciar a palla no ollo alleo cando teñen a viga vixente no estatuto propio. E nas gravacións compróbase que o peor non foron nin as decisións equivocadas nin as mentiras coas que pensaron tapalas, que a todos nos pode pasar, senón a comprobación de que a eficiente xestión estaba en mans duns pobres homes que non sabían o que habían de facer, que non eran conscientes do seu descoñecemento e que tanto lles tiña unha ignorancia como a outra.
Toda esa tropa está onde está- ou onde estivo- e non na casa escollendo regalos de Reis porque hai unha chea de colegas –meus- e de medios enteiros (sic) poñendo a diario que son uns tremendos estadistas. Eles saberán por que (e nós tamén, para que nos vamos a enganar).
Se un edificio se desploma, aínda pasados dez anos dende a fin da sua construcción, o arquitecto pode acabar no caldeiro, si se demostra a súa neglixencia.
Se, anos despois, se demostra que un político toma unha decisión equivocada a sabendas (coma alonxar un petroleiro averiado hasta que se afunda), pode ocurrir que o conxunto do estado teña que pagar as indemnizacións pertinentes mentres que o politican de turno sae bastante ben parado.
¿Existe algunha responsabilidade legal de cara ás sandeces que pode chegar a dici un xornalista tipo “J. M. Aznar es un gran estadista.”?
O certo e que a conclusión deste artigo seu fai que medre o desprecio que sinto hacia parte do seu gremio. Laméntoo.
Eu de maior quero ser vicepresidente de Castela e León.