Estarán ó tanto do caso deses dous mariñeiros da Armada que morreron no accidente da fragata Extremadura. Estaba eu nos xardíns da Capitanía de Ferrol, firme como se estivera alí destinado, contando ós programas de tirios e ós avances informativos de troianos o que se sabía do caso a primeira hora da mañá, cando nun deses directos me tiveron de pasmón vinte minutos mentres me entretiñan –a min e a audiencia- cos detalles do óbito do doutor Iglesias Puga e debullaban a “intensa” vida dese “entrañable personaje” ó que se referían indefectiblemente como “Papuchi”. “Efectivamente, aquí en Ferrol también hubo otras muertes esta madrugada”, estiven nun tris de comezar logo que me deron paso.

Non o fixen, e se o fixera, non sería polo plantón, que a fin de contas, eso vai no salario, e peor é traballar nunha mina. O que me amolou foi o resto da xornada. A morte de dous rapaces, polo que imaxino, un fillo de emigrantes que se alistou neso de “ven a coger olas” á idade na que os fillos da clase media están en segundo de carreira, e outro de Cambre que preferiu poñer un uniforme a cambio de aprender un oficio e ter un soldo, despachámola todos baseándonos nun deslabazado comunicado oficial, falando de “tuberías de vapor del sistema de propulsión” e “calderas en funcionamiento de régimen automático”. Como os militares son así de seus, por moito que os subvencionemos nós, non hai declaracións sobre o que debeu un labirinto metálico cheo de tubos, corredores angustiosos e escaleiras claustrofóbicas inundados de vapor asfixiante. “Se abrirá unha investigación”, e arreando. Ven coller ondas (nun barco máis vello ca ti).

Pola contra, o de Papuchi era todo un mar de sentimentos e un océano de condolencias pola desaparición do entrañable personaxe, que escoitei calificar ata de “inesperada”, como se de alguén que xa cumpriu os 90 se puidesen agardar outro tipo de noticias. En xeral, todo o que se dixo –ou polo menos o que escoitei- parecía extraído do No-Do: desde o de “prestigioso ginecólogo” ata as loas á súa vitalidade, demostrada en facetas tan dispares como a de secuestrado de ETA ou a de pai á idade de ser bisavó. Non digo eu que haxa que definir, quentes aínda os seus restos, como un perfecto vivalavirgen a quen o foi, pero é que nin siquera lle chamaron vividor cando recordaron que tiña confesado (ou alardeado de) andar con outras mulleres ós tres anos de casado (nun tempo en que o adulterio era tan raro que ademais de pecado, era delicto).

Mesmo loaban a súa condición de “caballero” por non ter proclamado que se casou con outra ata que morreu a súa lexítima. Sinceramente, logo de todo un día de escoitar panexíricos coma eses, cada vez que sentía “Papuchi” víñanseme á cabeza aqueles personaxes de falanxista ridículo que borda Sazatornil nas películas. (Por certo, ¿que clase de persoa admite ser alcumado publicamente como “Papuchi”?).

(martes, 20 de decembro de 05)

Advertisements