bad santa

Se non houbera temas de candente actuialidade e de interese crucial, todos estariamos opinando sobre a falta de espírito navideño –e aínda así, hai quen non o pode evitar, eu incluído-. Porque é un escándalo como decaeu. Non falo daquel espírito navideño que xa faltaba antes, aquel das entrañables festas familiares e do bo rollo, aquela época de tregua na que as inquinas se atenuaban e os sentimentos positivos afloraban. O que notei en crise neste Nadal foi o espírito navideño actual, o do consumo disparatado, a publicidade de saturación masiva desde finais de outubro, a omnipresente matraca sonora a base de zambomba e toda a parafernalia habitual destas sinaladas datas. Perviven, hai que recoñecelo, fenómenos como o investimento irracional en lotería ou as galas televisivas, solidarias ou pola cara, pero a colecta de décimos e participacións xa non ten o tradicional carácter de frenesí pandémico, e xa se sabe que os programadores televisivos son os últimos en enterarse do que pasa. Quizais sexa unha apreciación soamente persoal, pero en comparación con outras realidades extremas, penso que se desinchou máis a burbulla nadalista que a inmobiliaria.

Posiblemente o que pasou é que a o fenómeno coñecido como Navidad morreu de sobredose. Non se podía manter a ficción dos días de paz e amor obrigatorios nunha sociedade de cambios vertinixinosos e devoradora de tendencias coma esta. En poucos anos, a visión descrida ou directamente destroyer da Navidad pasou de ser patrimonio de grupúsculos como os seguidores de Tim Burton a unha opinión xeneralizada, aínda que non explicitada publicamente (gugleando, aparecen 585.000 ítems anti-navidad). Por exemplo, os banquetes propios destas datas eran antes consolidados actos litúrxico-gastronómicos en homenaxe á institución familiar nun senso amplo.

Os conflictos internos inherentes á tal institución provocaron unha implosión e agora, as comidas de Nadal son escusas para un intercambio socorrido de regalos nun ambiente de tanto amor entre as partes como se fose un intercambio de prisioneiros. Nin as propias comidas en si non son o que eran. Cada vez hai máis comensais que esixen unha alternativa máis frugal e menos indixesta á mítica lebre en salsa que preparaba a sogra cunha receita da súa respectiva sogra. Ata os turróns e o resto desas cargantes apoteoses da améndoa están presentes nas casas pola única mesma razón que as figuras do belén, e co mesmo uso alimentario. Mesmo nos EEUU, bastión divulgador das celebracións tradicionais do mundo todo, hai unha campaña dos cristiáns conservadores para que a xente e as institucións desexen “Feliz Nadal” en lugar do emerxente “Felices Festas”, máis ambiguo e máis multicultural.

Hai quen ve nesta deriva navideña un retorno ó paganismo orixinal da festa, cando se celebraba o fin dos labores agrícolas, que medraban ou encollíoan os días ou que comezaba a tempada dos chalecos de coiro de ovella. E non lles falta razón, como demostra a proliferación dos xantares e ceas de empresa, no fondo a alternativa liberadora e desinhibida ó empalago familiar.

(martes, 27 de decembro de 05)

Advertisements