Todos comezamos o ano cunha chea de bos propósitos (e un alkaseltzer). Eu, o de deixar de fumar deixeino aparcado, por puro rabudismo, ante a que está caendo. O do inglés xa me pilla a destempo, porque seguro que se comercializa antes un traductor simultáneo que o que eu tardo en ter un nivel aceptable. E o do exercicio/ximnasio estouno considerando. Non sei se lles parecerá derrotismo, pero se son deses que agardan en realidade que o ano novo traia algo positivo, váianse despedindo desa esperanza.

En primeiro lugar, porque a experiencia asegura exactamente o contrario. Se repasan aínda que sexa unicamente o ano pasado, aproveitando que estes días todos os medios teiman en repasalo, descubrirán que, máis nada comezalo, a primeira na fronte foi a toma de posesión de Bush e de aí para abaixo. Claro que o verdadeiramente decisivo foi que o reelixiran meses antes, pero non deixa de ser un símbolo do funesto devalar do ano. En febreiro, por exemplo, ardeu aquel famoso edificio Windsor (famoso porque ardeu en Madrid, e porque se fixo un rebumbio do misterio de cómo se produciu o lume. En canto se soubo que arderan uns papeis comprometedores para outro misterio que implicaba a un dos grandes da banca, apagáronse os misterios e os rebumbios. Ata hoxe). Logo veu a morte de Juan Pablo II, e sobre todo as súas secuelas: as retransmisións televisivas e a elección de Ratzinger/Bieito XVI (conmoción da que nos estamos recuperando gracias ó gusto de BXVI polos gorros peculiares). En xuño en Galicia sufrimos unha campaña electoral de meter medo, compensada porque polo menos non gañou o de sempre, pero os do seu partido iniciaron a súa serie de manifestacións multimillonarias contra o que sexa que nos puxo os dentes longos ós practicantes habituais dese uso social que nos dispoñemos de bandeira española. No verán, que nunca pasa nada, uns tronados cometeron uns atentados de Londres en nome de Alá. Logo houbo unha desfeita en Nova Orleáns que, segundo o criterio dos conservadores norteamericanos, debeu desencadear Deus, pero que os descridos do resto do mundo adxudican máis ben ó aforro de medidas de protección e ó despilfarro enerxético (é decir, tivo máis que ver o Gold que o God). Algo parecido, pero a escala española, pasou cun lume en Guadalajara que arrasou vidas e facendas. O outono non veu mellor, porque comezou cunha queima xeneralizada de coches nos barrios franceses (en realidade, igual que coas coiteladas en Río de Janeiro, haber hainas todo o ano, pero soamente se contan en Carnaval).
Como ven, un auténtico rosario de desgracias, e eso que seguro que esquecín unha chea delas (a gripe aviar ou “la amenaza continúa” por exemplo). Frente a todo ese cúmulo de traxedias, os únicos eventos positivos con incidencia mediática foron o embarazo real (quero decir principesco) e o consecuente nacemento de Leonor, e a aprobación dos homomatrimonios. É decir, tres cousas relacionados cos afectos e as súas consecuencias (e aínda así, as tres cos seus detractores). En resumo, o único positivo que vai pasar este ano son as alegrías que vostede mesmo se fabrique.

(para martes, 3 de xaneiro de 06)

Advertisements