Nos primeiros momentos en que escoitei o nome Mena, veume á cabeza a curiosa inxustiza que os usos lingüísticos perpetraron co binomio mena-ganga. Sendo a mena a parte valiosa dun mineral, o concepto coñecido e vixente hoxe é o de ganga, que é a parte que non vale para nada. A min paréceme que parecida inxustiza se está cometendo estes días co tenente xeneral Mena, esa víctima das malas compañías.

O tal Mena está sendo execrado (e o que é peor, apeado do cargo e dos seus beneficios económicos) por presunto golpista, cando en realidade, polo que o cargo lle viña tan ancho como largo é por burro, con perdón. Efectivamente, o problema non é que sexa inadmisible o que dixo, senón que é inadmisible o que fixo, que foi decilo. Aclarando: o cidadán Mena, sexa tenente xeneral ou cabo furriel, pode ter as opinións que lle pete, e soltalas se quere ó hispánico estilo, a berros na barra dun bar, sexa a cantina de oficiais ou el hogar del soldado (curiosa pero verídica denominación para o que en realidade era o refuxio etílico da clase de tropa extraída á forza das súas casas). Mesmo pode pretender estendelas ó resto da sociedade apoiando co seu voto a opción política máis coincidente coas súas ideas. O que non pode, cando fala como o responsable militar que é (era), é botar a lingua a pacer en canto lle poñen un micrófono diante, por moito que sexa este un uso xeneralizado.
Posiblemente o suxeto militar Mena é un caso de cidadán-burbulla, aquel que vive confortablemente cheo de razón, rodeado e nutrido de informacións unidireccionais. As opinións que xa ía tendo o home sobre o Estatut son perfectamente previsibles, pero se a eso lle sumamos: 1.-No seu círculo social ter unha botella de Codorniu na neveira é asimilable a permitir a convivencia baixo o teito familiar do mozo narcotraficante dunha filla. 2.-Escoita decote nunha emisora comercial normal cousas como que en Cataluña viven baixo o terror rojo. 3.-No partido que case ganou as últimas eleccións xerais non desminten nin se desmarcan claramente deses asertos. 4.- Mesmo o seu propio ministro, formalmente progresista, non perde oportunidade de mostrar a súa preocupación polo parte médico de España. 5.- A Constitución que nos fixo felices e comer perdices, como se redactou co alento dos militares no cogote, é un tanto ambigüa sobre o seu papel (o dos militares) cando se lles retirou a capacidade de loitar contra a poboación civil propia. Baixo o peso deses sumandos, non é raro que o tipo, en canto se ve nunha tarima, se sinta impelido a largar unha chea de lugares comúns que el, pese ó alto lugar xerárquico que ocupa (que ocupaba) ignora que son unha chea de barbaridades. Por dúas razóns: o exército intervén cando e onde se lle ordene, non cando lle parece, e obedece as leis que aproban as institucións lexislativas. Exactamente o mesmo que ese alto representante xudicial que opina como se tivese o mesmo guionista que Alfredo Landa. Nestes casos de gangas ideolóxicas vén ó pelo aquelo que se decía de Idi Amín: o sorprendente non é que chegara a presidente de Uganda, senón a ser sarxento do exército británico.

(para xoves, 12 de xaneiro de 06)

Advertisements