A min nunca me fixeron un cuestionario Proust deses sobre o meu color ou as miñas películas preferidas, nin tampouco unha desas serias enquisas sociolóxicas sobre que problema dos que hai considero que é o principal. De facerlle caso a voces autorizadas, ou alomenos que se fan oír como se o fosen, o Problema aquí é, para variar, o eterno Problema desde hai tempo, territorialmente pendular –Plan Ibarretxe, Estatut, chalaneo con ETA– recentemente sintetizado na frase: “Quieren cambiar armas por nación”. Se atopara alguén que me preguntara, opinaría que se fose certo e así de doado, non sei a que están esperando. Conseguir rematar con décadas de sangue e violencia a cambio de poñer unha palabra nun papel non parece un problema grave.

Hai outros que si me parecen peliagudos, aínda que non produzan grandes titulares nin proclamacións estentóreas, e nin siquera estean nos listados eses que fai o CIS para preguntar a outros que non son eu. Por exemplo, de onde saca o Estado os cartos. Xa sei que de nós, como sabemos todos, quitado algúns políticos que se comportan como se os sacaran do seu persoal peto. Pero é que os saca cun método similar a quen recada asoballando a orfos, viúvas e inocentes que pensan que o AVE xa chegara con Fraga: é decir, fundamentalmente obtén a pasta dos indefensos, dos asalariados. E cando digo fundamentalmente, quédome corto. Segundo leo apampado nunha reportaxe de José Luis Barbería en El País, o 34% dos cartos sácaos co IRPF o soamente o 18% do imposto de sociedades (o IVE aporta o 31% e os vicios, incluída a gasolina, o 12%: é decir, tamén se apaña entre todos a eito). E do IRPF, o 80% provén dos asalariados, fronte ó 11% dos profesionais liberais e ó 7% do capital. De media, os atrapados fiscalmente pola nómina declaramos uns rendementos de 17.500 euros ó ano, mentres os empresarios e profesionais liberais non chegan ós 12.000. No País Vasco, os traballadores ganan un 33% máis que os profesionais (xa se sabía que alí os salarios son altos, pero non imaxinaba que tanto).
Non quero ser demagogo, e sei perfectamente que son un asalariado que gano máis que un esforzado empresario hosteleiro deses que, en vez de ter parroquianos, parece que ten acollidos. Pero, carai, ¿como logramos ser unha economía que vai coma unha bala con empresarios, médicos e avogados que ganan ó ano dous millóns das desaparecidas pesetas? Non me estraña que a patronal ande sempre a pedir contención salarial, se eles pasan estreiteces mentres os empregados dilapidan os cartos. Ou sexa que a todos eses que se lles enche a boca alertando do perigo de que se desequilibren os dereitos dos cidadáns segundo os territorios se prospera o que van poñer nun papel, que miren de equilibrar as desigualdades que produce o feito de que o que ganas veña perfectamente consignado noutro papel.

(para xoves, 19 de xaneiro de 06)

Advertisements