Mariano Rajoy, un home tranquilo a pesar do azaroso da súa vida política, estaba á beira do abismo, co bafo da vella garda aznarista no cogote. Agora, como agardabamos moitos dos seus fans, deu un paso adiante. Colleu o touro polas cornas, tomou o pulso auténtico da cidadanía, e propuxo un referendo sobre o Estatut. Eu agradézollo (e adiántolle a miña opinión: estou farto), porque así parecerémonos ós suízos, que referendan ata as vedas de caza, ou ós italianos, que referendan todo, menos tocarlle os negocios ó presidente. Incluso a pregunta que fará, a prol da igualdade de dereitos, xentes e razas, é emocionante e fai del un epígono da Marianne, o símbolo dos valores da República Francesa. E para que a cousa non pareza que é unha saída de pata de banco, unha teima súa persoal ou partidaria por ter perdido o preito, eu apúntolle unha serie de cuestións centrais que tamén son materia refrendable.

A conducta da actual Generalitat valenciana, por exemplo. Un poder autonómico que permitiu, por acción u omisión (algúns sospeitan que tamén por comisión) unha política urbanística modelo “ti fai o que queiras que eu teño un vaso”. Así, lucráronse unha serie de amigolos (se non o eran antes, fórono despois), fíxoselle algún favor á familia, e a maiores democratizouse a posesión de apartamentos e adosados en primeira liña de praia. O normal para todos, quitado para o Parlamento Europeo, que debe estar cheo de tiquismiquis. Ante semellante novidade (o rapapolvo da Eurocámara, non o alicatado costeiro), Informe Semanal decidiu facer unha reportaxe. A Generalitat Bis reaccionou facéndolle a TVE unha proposta que non podería rexeitar so pena de retirarlle non sei que prebendas: emitir unha contrarreportaxe feita con planos descartados das promocións de viaxes ó Caribe. Imaxínense como será a tal Generalitat que ata o que fora o seu presidente, Eduardo Zaplana, a deixou colgada dun día para outro en canto o fixeron ministro (si, lectores mozos e inxenuos ou adultos desmemoriados, Zaplana foi ministro).
Sen mudar de sitio, esixo un referendo sobre a existencia do Valencia C.F, ou alomenos sobre a súa pertenza á primeira división [esto estaba escrito antes de que o partido de Copa contra o Deportivo me dera a razón]. E por non deixar o tema, propoño que se limite constitucionalmente o número de astros mundiais que o Real Madrid pode fichar cada tempada (deixémolo en catro ou cinco, aínda que pode seguir liberalizada a contratación de cantos adestradores precisen). Seguindo no mundo do espectáculo, demando que nos pronunciemos sobre o destino (desterro, Guantánamo, amputación, xa se vería) do presentador do programa de Tele5 TNT. Entendámonos: o producto en si xa é delictivo, un intento de excitar os baixos instintos (digo un intento porque o único baixo instinto que me excita é o de lapidar a quen o perpetra, e non pasei da introducción), pero o elemento ese do xesto relambido e as orellas en punta sería un argumento a favor da pena de morte ata presentando A sentinela. E para rematar, se nos imos pronunciar sobre un tema como o Estatuto de Cataluña que nos toca colateralmente, ¿por que non podemos facelo sobre asuntos que nos afectan de cheo? ¿Por que temos que ir á velocidade que lle peta a Tráfico? ¿Por que temos que pagar impostos? ¿Por que lle puxeron Leonor sen consultar?
Fago estas modestas proposicións convencido das bondades do método e non por interese persoal ningún (ata agora sempre perdín os referendos), porque, como seguro que xa estarán algúns argumentando nos bares, esto é unha democracia, ¿non?

(xoves, 26 de xaneiro de 06)

Advertisements