Aqueles que defenden que as eleccións non sirven para nada atravesan unha mala época. As últimas que se celebraron mundo adiante demostran que cando gaña quen non debería, ata uns resultados electorais son apaixonantes. O último caso de voto que saíu pola culata é o de Palestina, pero antes foi Bolivia e non son os primeiros nin serán os últimos exemplos nos que o soño da democracia produce monstros, considerados desde o punto de vista dos demócratas de toda a vida.
Evidentemente, para o mundo occidental e cristiano, as cousas antes eran moito máis doadas. Naqueles lugares que tiñan algunha importancia por algo (porque estaban onde estaban, ou porque producían o que producían), o asunto limitábase a poñer a un tipo duro e ávido, e darlle parte do negocio (a outra parte xa a buscaba el) a cambio de deixarlle facer o que quería. As consecuencias desa liberdade de acción do mandatario na economía e no goberno eran indefectiblemente desastrosas para os administrados e sobre todo para as súas posibilidades de supervivencia, que se vían considerablemente diminuídas no caso de rebelarse. Cando o mundo era bipolar (politicamente falando) a outra parte adoitaba subvencionar ós rebeldes, co que aumentaba a facturación do mandatario e de determinadas industrias auxiliares do sector armamentista. Ata que se desconxelou o bloque comunista. Acabáronse as subvencións dese lado e desde o outro consideraron que xa non tiñan por que facer tanto gasto e apoiar a tanto animal depredador que acababa ata cos consumidores potenciais. O mundo quedou en mans da democracia, que se proclamou como panacea ata o punto de facer guerras e invasións para implantala. Os negocios podían continuar se había xente máis razoable á fronte do asunto, pero o que se amañou por riba quedou sen amañar por abaixo. Así que non é de estrañar que os habitantes maioritariamente pobres de países naturalmente ricos, como Venezuela ou Bolivia, despois de probar a democracia homologada, decidan inxenua ou desesperadamente apoiar outras versións que prometen que van acabar con ese estado de cousas.
En Palestina, durante décadas deixaron as mans libres a Israel, a única democracia da zona. Cando a asunto pasou de castaño oscuro, forzaron o recoñecemento dalgúns dereitos dos palestinos, pero permitíronlle que ningunearan ou boicotearan as súas institucións, a cambio de deixar que as autoridades boicoteadas foran facendo un petiño. Así que, en canto puideron, os fartos duns e outros votaron por quen amola máis ós contrarios e ademais proporcionaba os servicios asistenciais que os que estaban non daban (como moitos votarían aquí a Cáritas se non houbese servicios sociais). Agora, no mundo occidental e etc facémonos cruces, ou chistes, e no fondo sabemos que nos dous lados teñen claro que están condenados a entenderse. Pero mentres, no que foi a sociedade máis laica e máis instruída de Oriente Medio, xa decretaron a separación de sexos nas escolas e o velo para as mulleres.
Dito en linguaxe primitivo e escolar, andar de chulo está moi ben, ata que dás con chulo e medio, e despois choras.

(para martes, 31 de xaneiro de 06)

Advertisements