“Non o vendo”, “Esa marca está agotada”. De varias formas e distintos tons, en todos os estancos que probei toureáronme e pinchei en óso á hora de mercar tabaco. Todo porque pedía unha marca que baixou de prezo.
“Es que perdimos un millón de pesetas al comprarlo al precio de antes y tenerlo que vender al de ahora”, confesáronme nun. “Pois moito ganan cando suben, que é sempre”, saíume. Empecei mal o día, e non foi a mellor. Tan a peor, que invoquei en silencio á oposición.
Desgraciadamente, Mariano e os seus andan apañando firmas, así que non deberon escoitar a miña queixa de que estas autoridades tan comprometidas coa saúde sexan tan neoliberais con aspectos como permitir subas/baixas de golpe de vinte pesos nun paquete de tabaco. Ou a de que os estancos vendan o que lles pete ou lles conveña, pasándose polo forro que non son tendas, senón concesións administrativas (por certo, manda truco). Xa sei que estes perversos desaxustes do mercado afectan ós viciosos, que lles está ben, pero se permiten este chuleo a un tercio da sociedade adicta á nicotina, non me estraña que se queixen de desatención colectivos minoritarios como os celíacos.
O caso é que non me recuperara aínda dos sucesivos fracasos cando escoitei a un progresista raiarse pola paralización da Cidade da Cultura. E non porque a suspensión era temporal e parcial, e non definitiva e radical, senón porque era unha obra de capital importancia para Galicia enteira. A min paréceme ben que calquera autoridade local se alegre se lle poñen de balde un circo de tres pistas (esto é literal) a pesar de que non hai público nin para un espectáculo de malabares na rúa (esto é figurado), pero que non me vendan que é para todos. Co que lles costa ó ano un palista, dixitalízanse os xornais completos de Galicia, para que se poidan consultar desde a casa en internet, sen ter que ir ás aforas de Santiago e sufrir toda a burocracia inherente a mirar os periódicos físicos (tenten facer unha fotocopia ou a foto dunha páxina nunha hemeroteca e entenderán en toda a súa extensión o concepto “burocracia”). Supoño que o que afecta a Galicia é que para encher os edificios terán que baleirar os arquivos todos do país, incluídos os parroquiais. Fixen mentalmente unha invocación mariana, pero recordei que, ademais de andar coleccionando firmas, é compañeiro dos promotores do circo, ou sexa que me dediquei a indignarme co asunto de Mamadou Kane.
En realidade, non é o caso Kane, senón o caso dos catro munipas que secuestraron e maltrataron a un ambulante senegalés vai para nove anos, cando nin sequera se lle botaba a culpa de nada ós inmigrantes e sen invocar siquera o interese nacional, como os dos GAL. Os axentes foron condenados, e tempo despois, un alcalde progresista e xuíz intermitente pediu que os indultaran. Agora outro goberno progresista concedéullelo, e a estas alturas os catro colegas andarán apatrullando como se tal, facendo remuíños coas porras.
Así que como Mariano vai de mesa petitoria ambulante, temos que ser os rabudos os que facemos o gasto da crítica. Vou ver se me meto na web das sinaturas para ser iguais todos e –ademais de pedir ser igual que Antonio Banderas- asinar milleiros de veces, a ver se daquela me fai caso.
(xoves, 2 de febreiro de 06)
Probe no estanco de santa cruz, que ali haiche de todo, incluíndo xornais….
En canto ó da Cidade, a miña proposta é moi sinxela: que fagan unha permuta co mercado de gando de Amio, que alí seica andan curtos de espazo para os cuxos. Teñan vostedes en conta que así poderíanse matar dous paxaros dun mesmo tiro. Explícome:
a) Dotaríase dun marco incomparable á tríada vaca marela – tratante de gando con bmw – comedor de pulpo, elevándoa así ó rango que se merece no noso universo cultural.
b) O mercado de gando de Amio ten calefacción, está pago e xa está a servir, entre outras cousas, para dar de papear a 7.000 médicos, co conseguinte mosqueo dos hosteleiros
(http://www.lavozdegalicia.es/buscavoz/ver_resultado.jsp?TEXTO=4288973&lnk=CONGRESO,MEDICINA,FAMILIAR).
(Sr. Miguez, se lee isto faga o favor de revisar o seu blog no apartado do centeo). Perdoe o uso dazibao do seu blog, sr sHs, pero é que non teño outra maneira. Sonlle torpe, xa ve….
Probei no de Santa Cristina (raio co santoral toponimeiro) e tampouco. Amañei na Cidade Vella, pero voume pasar ó Palmál, que queda moi xuvenil. Ou deixar de fumar e centrarme noutros vicios no fondo máis baratos
Eu sigo pensando que o mellor era mandar ó paro á clase política, a todos, ós que non quixeron arreglar as cousas e ós que as están a arreglar como si o fixeran os anteriores. Ou, se non, que se estableza a figura do libro de reclamacións para políticos, no que se lle poida chamar catro cousas ós que viñan de revolucionarios.
Se vai firmar unha solicitude, que sexa esta, que non lle vai soluciona-los problemas pero seguro que o desafoga moito máis. HE HE
Moi idiosincrático, Sr. eSedidió, deixar recado na de SHS por si pasaba eu por aquí. Demostra vostede que a intelixencia sigue resolvendo os seus problemas alén das máquinas.
Nas sinaturas que presentaron os da COPE-Libertad Digital-Jiménez Losantos porque din que os perseguen atopeime coa de Lluís Companys i Jover, o histórico president de la Generalitat catalana.
Aínda aparecerá nestas sinaturas do PP a de Pasqual Maragall. Anímense a participar.