Todos lemos, escoitamos ou vemos o duro peregrinar do presidente do PP –sangue, suor e ferro, Rajoy cabalga- pola diversa xeografía española, apañando vontades e sinaturas para que todos sexamos iguais e solidarios, privilexio consolidado que estamos a piques de perder por culpa dos cataláns. Todos o lemos, etc., pero eu –vantaxes de ser xornalista- asistín onte ó advenimento mariano á Coruña, en concreto ós Cantóns. Desde o de Sánchez Bregua, onde está a sede do PP da que saíu rodeado de todo tipo de dirixentes, novos e vellos, boinas e birretes, ata o Grande, onde o agardaba unha carpa puntiaguda e unha chea de xente, como nas xustas medievais das películas.
A importancia política do paseo xa a teñen aquilatada noutros medios, pero saquei outras conclusións. 1.- O duro labor dos escoltas, indo diante comprobando coches e contedores (¿como se distingue unha bolsa de lixo botada a deshora dunha posible bolsa-bomba?). 2.- O ben levada que é a xente do centro-dereita: un que hai pouco máis dun mes aseguraba que os outros eran a extrema dereita, departindo alegremente cun dos ex-presuntos cabezas rapadas. 3.- Quen tivo, retivo. Fraga foi o máis abrazado. Unha señora, despois de achuchalo, espetoulle: “Siga así conservándose” (¿quererá decir o mesmo que “Siga conservándose así” ou hai un matiz semántico que se me escapa?). 4.- Rajoy, de todas formas, non se queda atrás. “¿Puedo?”, dixo unha velliña, intimididada polo cerco de xornalistas. “Puede, señora, puede. Y béselo, que le encanta”, respondeulle unha periodista madrileña antes de decatarse que había micrófonos abertos cerca. 5.- A experiencia é un grado. Coa enerxía que dá a práctica de conductor de masas e seductor de vontades, Baltar (sénior, aínda que o júnior tamén andaba por alí) era o máis efectivo á hora de recadar apoios: “Señora, ¡Señora!, ¿quere firmar?” decíalle a unha, á que acabou tirando da manga, ata que intercedeu María Jesús Sainz: “Ya firmó”. “A ver, caballero, firmando, venga, venga”, proseguiu o presidente ourensán, incansable e inalterable pese a que xogaba no que hai dous meses era campo contrario. 6.-Hai xente destemida. “¡Ide traballar, fachas”, berroulle un mozo á concurrencia. 7.-A río revolto… A que máis beneficio efectivo sacou do acto foi unha moza que fixo todo o itinerario pedindo esmola en base a que o home lle pegaba (Arsenio Fdez. de Mesa e eu picamos e evitamos unha bronca cunha enerxía impropia dunha maltratada que lle caeu a outros que se resistiron). 8.- Rajoy sería un tipo simpático se non se dedicara á política e seguira sendo, por exemplo, rexistrador da propiedade (e miren que soa mal ese oficio). “Este es el sitio donde está mejor ordenado este follón de las preguntas”, asegurou pimpante cando o seu servicio de prensa o sacou de toriles para as declaracións. El tamén é ordenado. Tanto que, antes de que lle preguntaran –en provincias somos tímidos- dixo: “casi primero echo un discurso” e logo, por se os de atrás non escoitaban, repetía en alto as preguntas que lle facían. O cortés, de todas formas, non quita o férreo: os intentos do alcalde de Ferrol, Juan Juncal, de colocar a Fraga e Feijoo a carón do simpático líder non prosperaron.
Ás 20,00, oito horas e 2.800 sinaturas despois , saquei a conclusión nº 9: Que pouco dura o glamour. Dous aterecidos militantes anónimos atendían na escuridade ós seguidores da igualdade e a solidariedade que, pinga a pinga, se achegaban a deixar a súa sinatura. Eso si que é sangue, suor, etc.
(martes, 7 de febreiro de 06)
Ostras, coincidín na Coruña coa meirande concentración de talentos por metro cuadrado despois de Tómbola, e perdinma por andar desinformado. Coa cantidade de bolis e mecheros que me podia ter axenciado gratis… ¿Saben si hai camisetas en plan “Mariano Rajoi on Tour. Xira Referendo-2006” ou algo así?
Non, había camisetas con algo así como “Somos un sólo corazón”.
Quédome coa frase no edificio de R, por se acaso ten unha mensaxe oculta ademais da evidente comercial: “Todo o mundo sabe que as marcas brancas teñen a mellor relación calidade-prezo”.
Home, sr. sHs, non se me pase…. que Milord Mariano pudera ser, en calquera outra circunstancia que non fora a política, “un tipo simpático”… hummmm….. xa ten revisado o seu colesterol? Seguro que non lle botan algo no palmál?
E que protesten tamén contra a terminal4 do aeroporto madrileno,por riba de costar 6200 millóns,a facturación automática pódese facer en galego,catalán e euskera! Alguén imaxina cousa parella en Toulouse?…´como dice Rajoy nunha arroutada de francofilia inédita nos rancios nacionalistas espanois….
Por certo,aproveito este influinte e prestixioso blog para contarlles que eu sigo a apanar sinaturas a prol da mina futura relación con Kate Moss,da igualdade, e contra a discriminación.Un día destes monto a mesa petitoria diante do mercado de Elvina.
A ver si pillo o circo este do PP en Vigo ou Pontevedra para me facer con unha camiseta de esas (gratis, claro). ¿Ou decidiron que xa fixeran bastante “estado” en Galicia e non han volver hasta as municipais?
Vaia sorpresa agradable levei esta noite pouco despois das dez! Definitivamente, mestoyquitando das tertulias da SER e aficionando de xeito inexorable ás da Radio Galega.
Con todo o cariño, Mourullo, ¿non será da CIA?
Esa pregunta non pode ser contestada. Con todo o cariño tamén.
Mimadre!, foi sen querer, de verdade.