Se queren que lles diga a verdade, aínda que supoño que tanto lles tén (e sorprenda a algúns e decepcione a moitos), eu non me levaba mal con Paco Vázquez. Era unha relación, cando a había –porque os políticos teñen as mesmas vantaxes sobre os periodistas que o califa Harum-Al-Raschid sobre o seu harén, teñen relacións cando eles queren- baseada no método Francisco Franco: non meterse en política. Ou no principio ético de que a mentira é un defecto, pero a sinceridade non é unha virtude, senón un privilexio ou unha falta de educación. Así, na ducia de conversas que tiven con el, quitado as profesionais, eu non lle comentaba o que me parecía a súa política (dos negocios, xa nin falamos), e el non debía ler as miñas opinións (as informacións si, e mandaba unhas tremebundas cartas ó director, que ata lle convertiron en noticias). Así que lle teño que comentar o que me parece a súa ausencia a través de vostedes.
A verdade –e van dúas, debo atravesar un mal momento- é que escribín “ausencia” porque ía no primeiro parágrafo, o relacionalmente correcto. Debería ter posto “fuxida”. Xente que falaba con el moito máis, e supoño que de todo, díxome que a embaixada no Vaticano xa lla pedira a Aznar, e outros tamén próximos aseguran que o seu desexo era rematar a súa carreira política como alcalde. Desde o punto de vista subxectivo, non hai contradicción: ás veces o peor que pode pasar cos desexos é que se cumpran. Obxectivamente, tampouco: se estamos no fin da súa vida política, que non o creo, rematouna de alcalde. Tampouco nego que un católico rechamante como Vázquez sexa axeitado para representar ó goberno de Madrid no Vaticano, pero tampouco son tan crédulo ou tan hipócrita para tragar que a razón da designación sexa amañar as relacións España-Santa Sede. Eso sería como crer que Manuel Fraga deixou a polítca galega para ir reformar o Senado, ou o día que condenen a alguén por roubar desde un despacho, que vai preso para renovar o sistema penitenciario.
O que reforza o carácter de “take the embassy and run” é a forma en que deu a coñecer o asunto alguén que se caracterizou toda a vida por un enorme sentido escénico. A mesma tarde que lle din que hai plácet, xúntase dúas horas no seu medio de comunicación de cabeceira para aliñar unha información da que se desprende que o reclama a providencia para amañar o do Vaticano, igual que o puideron chamar para poñer orde en Haití. Despois de 23 anos (xente que rematou a carreira universitaria naceu con Paco xa de alcalde) de milimetradas postas en escena, despídese dos seus queridos coruñeses cunha filtración periodística e un acto apresurado –en substitución dunha prevista rolda de prensa sobre residuos urbanos- no que soamente está presente a súa familia, a persoal e a municipal. Se eu fose o demagogo que non son, diría que, cando arrecia a chuvia de denuncias, o alcalde vai procurar refuxio entre capas pluviais e sotanas. Como non o son, non teño outra que recoñecer que, quitado algúns que se non se conformaron co que lles tocou é porque son insaciables, poucas decisións políticas deixan a todo o mundo tan contento. Empezando por el propio, que terá un palazzo a súa disposición, a ocasión de lucir traxes rimbombantes, coñecerá máis xente interesante e terá menos problemas. E seguindo polo resto do mundo: o BNG porque se quita de diante un dolor, o PP (sobre todo ó de Madrid) porque a un amigo sempre se lle desexa o mellor e desaparece o que moitos cren que era unha baza electoral do partido contrario, e sobre todo ó PSOE porque, como dixo aquel outro presidente, o que non lle amañou o da embaixada, noutra circunstancia en que o importante era o fin e non os medios: “Teníamos un problema y lo hemos resuelto”.
(para domingo, 12 de febreiro de 06)
Se o outro día eu falaba da miña simpatía por Pérez Rubalcaba vía Garrulos Liségicos, a que teño por vostede ten moito que ver coa reacción de Vázquez por certa noticia e que deu orixe a un xenial artigo.
Por certo, véxolle moi solto co “solotexteado” de El País.
Supoño que despedirse dos súbditos nunha rolda de prensa sobre residuos urbanos, é o que se pode chamar saír pola porta grande, he he, en vez do típico desfile de húsares ou dragoons, ou a parafernalia napoleónica esa que se gastaba.
Agora vai ter o boato que necesita coa garda suíza, e poderá departir sobre ruopa de marca, ou reloxios de colección, co ex-hitlerjugend dos gorriños vistosos. O farrapo, que o deixe en Riazor, para que os coruñeses sigan tendo algo divertido que facer nas noites da fin de semana.
O malo, que antes había unha cabeza visible e popular, do lobby inmobiliario coruñés; agora haberá que buscar entre as sombras.
Mourullo, tenme abraiado coa súa soltura procuradora. Mira que o de Europa Press o estivera buscando e non o dera atopado. E o de El País, igual, que como saíra na edición de provincias, non sabía, non contestaba. Como non vou dar os meus primeos pasos soltexteando con semellante mestre.
Míguez, como pasa sempre que pisas un formigueiro, ó primeiro hai rebumbio, pero deseguida se instala a orde de novo, con formiga reina
ou como se chamenova, ou vella.o
Herr Fraga no Senado servindo a Deus e Essspaña, Herr Paco Vazquez no Vaticano competindo moi perto co ex-presidente polos mesmos motivos, isto é, servizos etéreos de intanxível valor ( o deles ); dous persoeiros con espécial predilección polo poder fácilmente maleável, son retirados fulminantemente a destinos baladís e mentras isto ocorre, na Coruña preséntase a nova programación, moderna e dignificadora da TVG… dende logo os tempos son chegados, MEIN GOTT!!.
Herr Graf Ferdinand Von Galitzien
http://ferdinandvongalitzien.blogspot.com/
A ver se alguén no Vaticano apréndelle que a pobreza e a humildade son virtudes.
Se cadra xa está a aprender:con González andaba coa teima do ministerio en Madrid,con Zapatero seica vai acougar cunha embaixada.Cousas do talante.
PD.Todos somos dinamarqueses.