Hai anos estaba de moda o debate tradición-modernidade. Que se había que apostar polo de antes ou polo que viñera, dito ó bruto. Se conservar a paisaxe ou urbanizala/industrializala, por exemplo. Evidentemente, o tal debate era tan falso como un billete de sete euros, e unicamente servía como escusa para mesas redondas ou seminarios, nos que despois de moita discusión se chegaba ó acordo de que a tradición era fonte de modernidade, o mesmo que o local era manancial do universal, e que unha cousa non quitaba a outra. Traio a conto este debate tan vello como falso polo do Antroido/Carnaval.
reina

En cuestións de tradicións e de modernidades, e son un crente a medias, ou devoto depende. Depende de que tradicións e que modernidades. No sector das celebracións, por exemplo, estou a favor de conservar o que paga a pena conservar (calquera festa, por exemplo), ou como moito non moleste (os cabodanos) e decididamente en contra de costumes barbarizantes, por moi arraigadas socialmente que puideran estar (as postas de largo, ou as cencerradas que lles facían ós recén casados de idades dispares). En xeral, estou a favor das novidades (os tanatorios) pero non polo mero feito de que o sexan novas, sobre todo cando ademais non adoitan selo, senón tradicións doutros sitios e doutras xentes (como celebrar as vodas a claxon batente con caravanas de coches emperifollados ou aplaudir nos enterros das víctimas).
Aplicándolle este corpus teórico ó Antroido/Carnaval, recoñezo que son máis tradicionalista que Zumalacárregui. Quitado na infancia, onde calquera motivo de esbardallar e non ter clase é benvido, nunca foi das miñas celebracións preferidas, como non o é ningunha en que a alegría ou eso que deron en chamar espírito lúdico é de obrigado cumprimento. E que eu sexa un muermo non quita que comparta a tolemia colectiva dos lugares onde o Antroido é o Antroido, por moita cámara que teñan que aturar, e que comprenda perfectamente a intensidade emocional dos que non ven o momento de poñerse de choqueiros ou mesmo de disfrazarse de David Bisbal. Pero o que me saca de quicio son as municipaladas. Esa teima edilicia de, por riba de non amañar o tráfico ou o transporte público, pretender organizarlle o ocio á xente en situacións nas que se basta e se sobra para facelo soliña. Eses desfiles, concertos e outros sistemas de convocar persoal nun redil e atascar a circulación. Por non falar da importación pailana de usos alleos, desde as fallas para o San Xoan á Reina del Carnaval destes días. Por moito que cavile, non lle vexo gracia ningunha a animar a unhas nais a gastar unha chea de cartos en incrustar ás fillas nunha especie de torreta de Fenosa revestida de plumas e lentejuelas, e por riba facelas competir, nestes tempos en que en lado ningún, por casposo que sexa, manteñen ou se toman en serio o das raíñas das festas. Se de verdade queren animar o espirito carnavalesco, poden poñerse de pararraios semiambulantes as forzas vivas. Sería igual de pouco participativo, pero de bastante máis risa.

(para martes, 28 de febreiro de 06)

Advertisements