Por moito que haxa quen sosteña que estamos coma sempre en avances sociais, o certo é que non (que imos estando mellor, quero decir). A escravitude rematou non soamente nin principalmente pola conciencia da humanidade de que ser propietario dun ser humano era unha barbaridade, senón porque chegou un momento en que era máis barato darlle catro cadelas ós traballadores que ter que mantelos, pero non deixou de ser un adianto. Claro que tamén hai retrocesos en terreos que xa se daban por conquistados, como evidencia o affaire do cordón umbilical principesco, conxelado en Arizona.
O do cordón (que por certo, principesco ou plebeio, chamábase “cadillo” cando a xente falaba galego) é un dos exemplos de que a sociedade evoluciona a ritmo da yenka (aquel baile sixtie que consistía en dar pasos á esquerda e a dereita, adiante e atrás) ou, en versión leninista, un paso adiante e dous atrás. O paso adiante é que a maioría da sociedade é consciente de que a monarquía é un anacronismo, unha convención na que, polo peso da historia recente e da publicidade, se suspende a razón en aras da conveniencia, igual que na ópera asumimos por un par de horas que Montserrat Caballé é obxecto dunha paixón amorosa. Os pasos atrás son os dous incumprimentos do contrato coa cidadanía por unha das partes, posiblemente por exceso de confianza: parir nunha exclusiva clínica privada e non nun centro público e logo mandar ó exilio crioxenizado o cadillo de marras. O paso á esquerda é que así soubemos que aquí xa hai bancos de cordóns, pero públicos e anónimos (e case clandestinos, de tan anónimos), e unha chea de empresas dispostas a montar bancos privados. O paso á dereita é que, gracias á filtración (¿de quen?) e ó instinto de imitación, haberá un clamor popular para que se permitan eses negocios.
Claro que eses comportamentos non son exclusivos da elite real. Pasa o mesmo coa administración do Estado, que acadou un superávit de 10.000 millóns de euros. Posiblemente o goberno o vexa como un logro económico, pero desde outro punto de vista tamén pode ser que o Estado non gastou 10.000 millóns dos cartos que lle demos para que invista en servicios. E pasa, con moito máis descaro, na chea de grandes empresas que están que se saen de beneficios: o Banco de Santander (6.220 millóns de euros, un 72% máis ca no 2004), Telefonica (4.445,8 millóns, 40% máis), Iberia (395,6 millóns de euros, un 99,5% de suba), ACS (609 millóns, un 34%), Gas Natural (749 millóns, un 16,7%), Unión Fenosa 279,458 millóns, un 24.4%). Aínda que posiblemente estea mesturando EBITs e EBITDAs (sexan o que sexan), con todo son unha chea de cartos, récords históricos de ganancias que toda esta boa xente tivo en 2005, o exercicio no que todos andaban a laiarse e a xustificar subas a conta do caro que estaba o petróleo e do pouco productivos que somos os asalariados. É decir, os ricos non é que tamén choren, é que son os únicos que hoxe poden chorar sen que a opinión publicada se lles bote enriba co da falta de competitividade e a ameaza china se queremos ganar máis.
De todas formas, tampouco é para tanto se o comparamos co drama de Florentino
(xoves, 2 de marzo de 2006)
O mau de esto é que no hipotetico caso de que caia a monarquia sempre haverá, dentro de cem ou douscentos anos, quem queira descongelar o cadilho de marras para reinstaurar a dinastia borbóbica via clonaçom leonina.
Non haxa medo. Co prolífica que é esta xente, haberá herdeiros como para montar unha nova guerra carlista
leonorista?a cinco ou seis bandas.Pois a min, que, como xa saben, teño un certo resabio friki-monarquista, a tal polémica non me parece nin medio ben, por varias razones:
1.- A tal filtración paréceme unha máis das do tipo “imos escardar na merda a ver se atopamos un tesouro” que tanto pululan ultimamente no noso universo mediatico, xa sexa falando de aristócratas, de folclóricas ou de futbolistas. Dáme o mesmo noxo, e ten o mesmo glamur, que se fale do pancreas da jurado que da cor dos excrementos da infanta.
2.- A cuestion da garda do dichoso cordon umbilical ten certo tufillo paleto, que queren que lles diga. Aqui parece que caimos da burra onte, e que os primeiros do mundo mundial que gardan un cordon dun neonato son F&L, cando resulta que, case en calquera maternidade privada é unha posibilidade que te ofrecen e que custa bastante menos (3000 € por 15 anos de almacenamento) que unha pantalla de plasma desas que fan furor no marujeo.Independentemente de que, agora mesmo, coas células nais do cordon non se pode facer practicamente nada, agas a loita contra de algunhas enfermidades hematolóxicas, e que, para certas terapias xenéticas, non serve o autotransplante.
e 3.- Non vexo por que carallo ún non pode gardar o seu propio cordon umbilical, o seu prepucio ou a súa primeira cagada, poñamos por caso. Sería como se, dada a necesidade de un trasplante de ril ou de médula ósea, se lle criticara a un irmán por ser donante, co argumento de que o debería doar ao sistema público de saúde e que este o distribuira segundo as necesidades, poñamos por caso, dos enfermos canadienses. E que conste que eu non gardo os cordons dos meus fillos, maiormente porque daquela non existía a posibilidade.
Non sei, teño a impresión de que queda moi propio poñer a feder á tal parella veña ou non o conto. Ou ó mellor é que eu, pensando que podería rexir os nosos destiños como presidente un afervoado republican como paco vazquez (ou Aznar), non acabo de telo claro.
Totalmente de acordo con eSedidió.
E normal que,no século XXI,o republicanismo sexa patrimonio de xente moi de dereitas ou moi nacionalistas españolas.Hai poderosas familias no Estado Español moito máis conservadoras que a familia real…
De feito a decisión dos príncipes é un corte de mangas ao fundamentalismo relixioso,estimula o debate e seguro que vai favorecer unha certa apertura lexislativa.
De tódolos xeitos, o importante do artigo é ,para min,os beneficios escandalosos das empresas.Iso si que é un problema grave.(E que non milloraría con Aznar de presidente)
Uh, Sr. Pereiro, isto ponseme casi como o do debate “Tradición contra Modernidade”, é dicir: “Eran máis listos os de antes ou os de agora”. Refírome á xente, que antes era oprimida polo capital e agora vai e lle conta ós seus xefes que está hipotecada hasta as orellas (igual porque lles gustaría que os estimulasen a ser tan productivos como un chino); ou antes, a xente iba a aclamar ós monarcas por cobrar uns cartos, ou non cobrar uns paus… agora vaise para sair na tele (¿?)
Disque a necesidade espabila á xente, ousexa, que igual acerta o que dice aquilo de “moito vicio, é o que hai”.
A min tanto me ten que a familia real sexa conservadora, progresista ou mediopensionista, para o que pinta, e desde logo tería pesadelos con segundo e quen fose presidente da república, aínda que tampouco teño grandes esperanzas a ese respecto (ou a calquera outro, por certo). Pero teño a anticuada idea de que os servidores do Estado deben ter un comportamento acorde coa súa posición, menos libre que o dun rico calquera.
Saíndose un pouco do tema principal, desgraciadamente, amigo Pereiro, a escravitude só che desapareceu a ollos dos acomodados cidadáns “occidentais”.
Como chamar senón ao tráfico de brancas para a prostitución? (por certo, ponse toda a carne no asador na loita contra o tabaco, e a este tema muitísimo máis terríbel non lle adican nen a metade dos esforzos…) E non digamos nada se ollamos cara a África…
… ou os Estados Unidos. Porque, aínda que a escravitude estaba prohibida dende os tempos da súa guerra civil, coido lembrar que o estado de Missouri non a aboliu hasta o ano 1995.