“Alístate, decíanche, e verás mundo”, rosmaban os lexionarios romanos de Astérix. Eu ando estes días alistado no que antes se chamaba séquito da Xunta e máis ben vén sendo a tropa xornalística que cubre a visita de Touriño a Arxentina e Uruguai, e máis que ver mundo, o que vexo é o mundo doutro xeito. Hai anos, cando comezaba aquelo das emisións internacionais das cadeas de aquí, Juan Cueto deixou constancia escrita do que cambiaba a imaxe dos políticos españois vistos nun televisor estranxeiro. Eu estou a experimentar a mesma sensación.

Por exemplo, son certamente curiosos algúns dirixentes dos colectivos emigrantes. Había dous sorprendentemente semellantes a Franco, en dúas etapas distintas, un de adulto e outro de vello, e outro que facía de xornalista, coa muller ó lado, que era quen o achuzaba para que fixera as preguntas a Touriño (“¡ahora, preguntá ahora!, ¡no hace falta que levantés la mano!”) sobre que perspectivas había sobre uns asuntos, e quen llelos contou ós periodistas de aquí, en vista de que o home non era ídem de transmitirlle a gravidade do caso ó presidente. Tamén tiven unha sensación estraña coa representación empresarial. A realidade é que en Bos Aires encontro unha chea de xente coa que me atopo menos en Galicia: Bieito Romero de Luar na Lubre, Víctor e Paco de Pink de Nordesía, Pancho Casal de Continental, José Luis Naveiro de Caixa Galicia e Antonio Fontenla, dos seus negocios. De feito, na exposición “Galicia Une”, os stand eran do audiovisual, de institucións ou empresas públicas galegas, e de Puertas Tren, (con tanta inseguridade derivada da situación económica, supoño que aquí debe ser un sector con futuro). A maiores, o xantar do conselleiro de Economía cos empresarios galegos celebrouse no restaurante Clo Cló (que queda un pouco evidente, por moita que cada quen pagara a súa viaxe). Igualmente, resulta un pouco chocante que a sede da sociedade uruguaia Alma Gallega estea na rúa Blandengues 1522.
En canto ós logros, o meu punto de vista austral é desazonadamente cáustico. O memorando de intencións subscrito entre Sogama e a secretaría de estado arxentina do ramo para colaborar e intercambiar información sobre xestión de residuos, ¿como se pode concretar?: ¿ofreceranlle ós arxentinos acoller residuos na Pampa, que hai unha chea de sitio?, ¿imos importar o emerxente e consolidado sistema de sobrevivencia bonaerense dos “cartoneros”, a reciclaxe in situ de todo o que pode ter valor nas bolsas de lixo? Tamén se falou da creación dun lobby de empresarios galegos no mundo. Eu xa recordo outro que houbo, que logo foron dous, e que o froitos que deron foron un par de congresos polo mundo mundial nos que reafirmaban a necesidade de consolidar o lobby. Un compañeiro recordaba tamén unha xuntanza de emprendedores organizada aquí mesmo cando veu Fraga de campaña electoral, na que o máis novo era apenas vinte anos menor que o propio Fraga. E o mesmo para os xornalistas, que ironizamos sobre o cambio de menú no xantar para emigrantes (da empanada á ensaladilla, do pulpo ó polo) pero repetimos como loros a cifra de 7.000 asistentes sen molestarnos en contar as mesas (60 filas por 56 mesas cada unha, 3.360 mesas, máis unhas 500 baixo unha carpa, arredor de 4.000 en total).
Claro que logo asistín á presentación do libro de Fernando Salgado sobre Lorenzo Varela, e á que intervención que fixo Ernesto Sábato, todo acabadiño, lendo “Adios ríos, adiós fontes”, e entendín que os valores de verdade non dependen de se estás no vello ou no novo mundo.

(martes, 14 de marzo de 06)

Advertisements