Se hai algo estúpido é estar orgulloso de ser de onde un é, posto que é unha circunstancia allea á nosa vontade ou ós nosos méritos. Outra cousa é estar contento desa casualidade, como eu podo estar satisfeito de ter nacido aquí e non en Burkina Faso, onde xa estaría estatisticamente morto, ou aínda que seguira vivo pasaría unha calor do demo. E outra moito peor é renegar de onde se é. Así e todo, se todos somos iguais, pero uns máis iguais ca outros, é certamente curioso como eso que se chama “identitario” é bo ou nefasto dependendo do tamaño da identidade que escollas. Debe ser o único caso en que a bondade está nos estremos, nos moi grandes ou nos moi pequenos.

Por exemplo, a identidade de moda, a nacional ou nacionalista, é mala e insolidaria, segundo nos rompen a diario a cabeza os medios autodenominados nacionais casualmente establecidos en Madrid, ou é irrelevante, na intelixente versión nadar-e-gardar-a-roupa de Núñez Feijoo. Sen embargo a identidade nacional/nacionalista é xusta, necesaria e mesmo insuficiente sempre que sexa unha identidade ben grande. No último partido da selección da Federación Española de Fútbol, alomenos no último do que tiven noticia, un axitador radiofónico manifestou o seu entusiasmo por un gol proclamando a grito pelado e destemplado. “¡Que español es Mengano [o autor da fazaña]!”. Se algún locutor de aquí dixera algo parecido no partido Galicia-Uruguai celebrado en San Lázaro levaría no lombo de por vida o letreiro de fanático, non por descerebrado menos perigoso. Mesmo este luns no acto de entrega das chaves dunha fragata á Armada, Bono (o ministro, aínda que tamén algo cantante) permitiuse chamar “gente enferma o en fase de rehabilitación” ós despistados (digo eu que eran despistados, non separatistas) asistentes que non se ergueron unha das dúas ou tres veces que soou o himno nacional, e sancionar incluso ó tamén despistado mando que non usou o altavoz para sacalos da galvana.
Co da identidade tampouco pasa nada se é suficientemente pequena. Aquelo da patria chica que estaba permitido ata con Franco. Incluso xa metidos en democracia non é de mal tono esbardallar contra os que tiveron a desgracia de ser orixinarios ou residir nun termo municipal distinto, e non nun campo de fútbol ou dunha festa, ámbitos nos que tradicionalmente era case correcto andar a paos cos foráneos, senón desde tribunas institucionais. Mesmo algún fixo unha proveitosa carreira política e tivo un non menos beneficioso proveito persoal a conta deso. Con todo, non é algo novo. O escritor norteamericano O.Henry, que retratou o ambiente da New York a cabalo dos séculos XIX e o XX, describía nun relato chamado Un cosmopolita o caso dun que se tiraba todo o conto definíndose como “cidadán do mundo” e proclamando as vantaxes de selo, ata que se veu envolto nunha liorta. O cosmopolita non consentira que alguén criticara o alcantarillado do seu lugar de orixe (Mattawamkeag, Maine)
Para que logo digan que, en segundo que cousas, o tamaño non importa.

(xoves, 23 de marzo)

Advertisements