alba de américa

Cando eu era moi neno, por Semana Santa na tele soamente botaban o que supoño chamarían películas aleccionadoras. Debía haber poucas, porque en vin varias veces Alba de América, unha patriotada sobre o descubrimento de América (na que traballaban alomenos dous galegos, Antonio Casas, que facía de Colón, e Eduardo Fajardo). Pequerrecho e todo, recordo unha escena que me sorprendeu e indignou moito, ata o punto de que supoño que influiu considerablemente no meu pensamento. Camiño das Indias, nun momento de lecer, a tripulación andaba a cantar e bailar, cada un ó seu, cando de pronto un propio rompe a entoar o que parecía ser unha jota castellana, e o resto cala. “¿Veis?, cada canta las cosas de su patria chica, pero todos callan al escuchar la poderosa voz de Castilla”, comenta, máis ou menos, non sei se Colón ou un irmao Pinzón a outro da oficialidade.
Quizais actúe da mesma forma nalgún rapaz de hoxe, a xustificación do flamante novo alcalde coruñés da decisión de repoñer o bandeirón do Orzán. O argumento de que é “símbolo de la España plural” porque están representadas todas as enseñas autonómicas é perfectamente idiota ou toma por idiota ós demais. O conxunto das 17 bandeiras plurais suman unha superficie de 0,085 metros cadrados, por 25 metros da (una) grande (y libre). Con tal de non retirar de vez as 18 bandeiras, a proporción de pluralidade descuberta por Javier Colón é de 300 a 1.

Advertisements