Cando era eu rapaz, un popular membro das forzas e corpos de seguridade do Estado (que daquela non se chamaban así) da miña zona aseguraba ós coñecidos e parroquianos en xeral que se collía a un da Eta, matábao cos dentes. Estes días síntome solidario con el. Se lle facemos caso ós medios madrileños, resulta que levabamos dous ou tres anos ó borde do precipicio civil e da fractura institucional, e todo por medio cento de pos-adolescentes asañados, con máis rabia que cabeza.

Todos, mesmo eles, sabían que ETA estaba en creba técnica, coa credibilidade en suspensión de pagos, a economía de arrastro, e con menos futuro que un granhermano nunhas oposicións a notarías. Aínda así, conseguira que o anterior goberno e o seu entorno esixiran o ADN de demócratas constitucionalistas ó resto do mundo, meses despois de que os seus negociadores exhibiran cos das metralletas unha galantería extrema (“Nosotros no queremos que dejen de ser independentistas, socialistas”. “No venimos a convencerles de que dejen de ser una organización armada. Es una decisión suya”). O goberno actual logrou un acordo parlamentario para negociar se deixaban as armas apoiado por todas partes menos por unha, tipo istmo, e para o que lle serviu foi para estar no horrorizado punto de mira de media poboación, encirrada por inquisidores empoleirados en todo tipo de púlpitos. Un sinvivir. Pois abondou que ETA asumira publicamente a súa situación e pedira papas para que se abriran as augas revoltas da política, como as de Mar Roxo co toque de vara de Moisés: 1. Zapatero e Rajoy protagonizaron un remake da famosa escena de Casablanca, aventurando que isto podería ser o comezo dunha gran amizade. 2. Ó dúo A-Z (Acebes-Zaplana) aplícanlle a mobilidade funcional para arrombalos no trasteiro. 3.- Aquelas partes do PP nas que aínda aniñaba vida intelixente descubren que Jomeini Losantos, só ou en compañía doutros, é de extrema dereita. En resumo, estamos todos gratamente sorprendidos, cautamente encantados e facéndonos cruces de que trunfara algo tan estraño como o sentido común… aínda que fose nos malos.
O preocupante é que a clase política estase afacendo a tensar a corda tanto en cousas importantes coma esta, como en miudezas. Coñecidos do Instituto Social da Mariña dixéranme hai uns quince días que o traslado de competencias á Xunta estaba xa resolto. Pois despois dun proceso de releo tipo feira, pero de altura, con Quintana e Jordi Sevilla asestándose titulares, resulta que o desbloqueo estaba pendente de que coincidiran as axendas de Caldera e Touriño para facerse unha foto e apuntarse o tanto. E semellante rebumbio nin siquera polo ISM enteiro, senón polas políticas de emprego e pola formación, é decir, por algo que custa 10 millóns de euros ó ano, que nin cartos son nestes tempos.
Quero decir que o mesmo na macropolítica que na nanopolítica, o método de actuación hexemónico é o xogo de mans, sen que importe moito que boa parte do público lles estea vendo as cartas agachadas. A próxima vez que se laien do descrédito da política e se estrañen do lepenismo emerxente, fagan o favor de revisarse as mangas.

(xoves, 30 de marzo de 06)

Advertisements