Cando era eu rapaz, un popular membro das forzas e corpos de seguridade do Estado (que daquela non se chamaban así) da miña zona aseguraba ós coñecidos e parroquianos en xeral que se collía a un da Eta, matábao cos dentes. Estes días síntome solidario con el. Se lle facemos caso ós medios madrileños, resulta que levabamos dous ou tres anos ó borde do precipicio civil e da fractura institucional, e todo por medio cento de pos-adolescentes asañados, con máis rabia que cabeza.
Todos, mesmo eles, sabían que ETA estaba en creba técnica, coa credibilidade en suspensión de pagos, a economía de arrastro, e con menos futuro que un granhermano nunhas oposicións a notarías. Aínda así, conseguira que o anterior goberno e o seu entorno esixiran o ADN de demócratas constitucionalistas ó resto do mundo, meses despois de que os seus negociadores exhibiran cos das metralletas unha galantería extrema (“Nosotros no queremos que dejen de ser independentistas, socialistas”. “No venimos a convencerles de que dejen de ser una organización armada. Es una decisión suya”). O goberno actual logrou un acordo parlamentario para negociar se deixaban as armas apoiado por todas partes menos por unha, tipo istmo, e para o que lle serviu foi para estar no horrorizado punto de mira de media poboación, encirrada por inquisidores empoleirados en todo tipo de púlpitos. Un sinvivir. Pois abondou que ETA asumira publicamente a súa situación e pedira papas para que se abriran as augas revoltas da política, como as de Mar Roxo co toque de vara de Moisés: 1. Zapatero e Rajoy protagonizaron un remake da famosa escena de Casablanca, aventurando que isto podería ser o comezo dunha gran amizade. 2. Ó dúo A-Z (Acebes-Zaplana) aplícanlle a mobilidade funcional para arrombalos no trasteiro. 3.- Aquelas partes do PP nas que aínda aniñaba vida intelixente descubren que Jomeini Losantos, só ou en compañía doutros, é de extrema dereita. En resumo, estamos todos gratamente sorprendidos, cautamente encantados e facéndonos cruces de que trunfara algo tan estraño como o sentido común… aínda que fose nos malos.
O preocupante é que a clase política estase afacendo a tensar a corda tanto en cousas importantes coma esta, como en miudezas. Coñecidos do Instituto Social da Mariña dixéranme hai uns quince días que o traslado de competencias á Xunta estaba xa resolto. Pois despois dun proceso de releo tipo feira, pero de altura, con Quintana e Jordi Sevilla asestándose titulares, resulta que o desbloqueo estaba pendente de que coincidiran as axendas de Caldera e Touriño para facerse unha foto e apuntarse o tanto. E semellante rebumbio nin siquera polo ISM enteiro, senón polas políticas de emprego e pola formación, é decir, por algo que custa 10 millóns de euros ó ano, que nin cartos son nestes tempos.
Quero decir que o mesmo na macropolítica que na nanopolítica, o método de actuación hexemónico é o xogo de mans, sen que importe moito que boa parte do público lles estea vendo as cartas agachadas. A próxima vez que se laien do descrédito da política e se estrañen do lepenismo emerxente, fagan o favor de revisarse as mangas.
(xoves, 30 de marzo de 06)
Xa sacas ao demócrata que levas dentro. Como cando dicias que matarias a un presentador de televisión por ter as orelhas en punta.
Saúde e Espanha.
Como son estos de ultradereitadereitas… entran e xa meten o verbo “matar”…
Reconhezo que me pasei. Síntoo. Por min, podes eliminar os meus comentários.
En calquera caso, non creo que tenha moito sentido falar do sentido común e empezar “matando cos dentes” a ninguen.
Sr. Pereiro, si a cámara se coloca no sitio adecuado, o prestidixitador queda en evidencia…
Por outra parte, un axioma universal é que, o que chega rápido, marcha igual de rápido. Pesimismo galego, en días de chuvia, o que me fai dubidar a min de ese garbeo centrista-moderado da fascio media.
Sr. Galeidoscopio, cando me lea o de matar a alguén, aínda que sexa un presentador de televisión, tómeo como recurso irónico ou metafórico. En canto ó de suprimir comentarios, non o fixen nunca, porque ata agora todo o mundo se comportou, pero non son deses que admiten que enriba de poñer a parede, hai que aturar que escriban insultos nela.
Non podo facer moito mais que pedirche perdón e que os suprimas (faino, de verdade).
Espero medir melhor as palavras e que sexa a penúltima.
Dito con todo o respeito e boa intención, sobre ETA e calquera asunto “sensível” (que din por ai), tampouco aporta nada a “santa indignación”.
Síntoo. Ademais, cando menos, conheces a minha cara.
Xa sei que a vostede non lle cae mal Rajoy.(A min é o Rei o que me cae simpático).De tódolos xeitos non vexo eu casting de abondo para a escena de Casablanca:o xendarme francés non parecía nin clasista nin partidario de Pétain,e polo que lle toca a Zapatero,o home tería que facer de duro 100 anos para ter unha miguiña de Bogart.
En fin,que non hai que misturar moderación ideolóxica coas maneiras cursis dun señorito de provincias.Rajoy non está á esquerda de Zaplana ou Acebes.(Por algo nomeouno Aznar)
A Galeidoscopio: non se preocupe pola súa cara, aquela noite non sei que lle deberon botar ás Estrellas Galicia que me perxudicaron algo.
A Alfonso Pardo: a min Rajoy non é que me caia ben, é que non consigo que me caia mal de todo, e o que cae mal non é o que pensa, senón o que di. Ten razón no do cásting. O tipo cuspidiño ó capitán Renaud sería Portomeñe, e para Bogart, ou Cuiña ou Bieito Lobeira. Para o capitán das SS, Jaime Pita.
Portomene,e certo,nin calcado! Pero queda o mais importante para amanar unha superproduccion: a Bergman…..A Bugallo,que tal?
Leire Pajín (a historia soamente se repite en forma de traxicomedia)
Uf,ao final remataremos cunha serie b.Bueno,isto é o que hai,(e ten que haber de todo)