Agardo que ó recibo da presente estean recuperados dos seus problemas óseo-musculares. Tanto aqueles de vostedes que teñan maniotas nos abdominais de tanto rir, como aqueloutros que optaron por indignarse e aínda teñen resentida a mandíbula por renxer os dentes, ou as articulacións dos dedos de apertar os puños. Váianse tranquilizando e non abusen dos sedantes nin dos antiinflamatorios porque o de Marbella efectivamente é para rir, para chorar ou para tirarse ó monte, pero haberá que facer reserva de paciencia, porque aínda queda.
Para non sufrir eses achaques, eu procuro non mergullarme nos océanos de información sobre o escándalo. Tampouco presto demasiada atención ós coros xeremíacos de queixa e rachar de vestiduras que inzan o aire como a música navideña nuns grandes almacéns. Pero de todo o pouco que lin/escoitei, o máis coherente foi a doída declaración, non sei se da alcaldesa-pantalla ou do Doutor No da asesoría urbanística, expresando a súa sorpresa de que non os tiveran trincado antes. Efectivamente, se un ionqui que roubase radiocasetes dos coches tivera enriba tal morea de evidencias delictivas e andara solto, os veciños terían asaltado o posto das forzas e corpos de seguridade máis a man. E en calquera país europeo –quitado Italia, pero esa é outra- que se descubrira semellante pastelón non terían outra opción que dimitir desde o ministro de Xustiza ata o comandante de posto da Garda Civil, por inútiles, e ós seus antecesores abriríanlles un expediente investigador para ver se o seu foi neglixencia ou implicación dolosa. (Por exemplo, aquel prestixioso maxistrado, membro do Consello do Poder Xudicial que protexeu baixo ás súas alas á representante da mafia marbellí na xudicatura). Pero aquí os representantes do Estado de Dereito durmen perfectamente todas as noites coa satisfacción do deber cumprido logo de entalegar tironeiros e vendedores de haxís.
E cando, ós dez anos de entrar en política, un señor que era camareiro, empregado de banca ou taxista antes de dedicarse ó servicio público, ou unha señora que era verdulera ou ama de casa na vida civil, acumulan un patrimonio superior a un dentista, a sociedade en xeral dáse por satisfeita coa explicacións. “Negocios”, xustifican uns. “Unha herdanza”, aseguran os menos imaxinativos. Alguén debería analiza cientificamente como a entrada en política dun individuo estimula a habilidade empresarial da súa señora, dos seus señores pais ou dos cuñados, ou a súa capacidade para perpetrar braguetazos con efectos retroactivos. Porque o dos chaíñas eses de Marbella gardando os billetes en bolsas de Alcampo ou facéndose cun parque móbil particular fai moita gracia, pero –sen aproximarnos demasiado aquí- o caso da estación do AVE de Guadalajara que non está en Guadalajara senón no medio dun latifundio da familia de Esperanza Aguirre, ou a da familia –sempre a familia! -de Zaplana facéndose con terreos onde casualmente despois se construíu Terra Mítica son especulacións (periodísticas).
Agora, o debate político anda polas alturas éticas de se en Marbella, logo de disolver o concello, hai que poñer unha xestora ou convocar eleccións, sen baixar á vulgaridade de analizar por que pasou o que pasou. Eu, seguindo ó Alberto Moravia que se estrañaba de que, curiosamente, os votantes non se senten responsables dos gobernos que votaron, o que propoño é disolver ó electorado.
(martes, 4 de abril de 06)
Sí, sí, aproxímemonos aquí, a ese Cuíña fillo dunha octoxenaria e acaudalada empresaria de Lalín, perseguido pola mafia rusa… Ou do elexido para apaciguar as augas da Igrexa Católica no nome do estado, perdón, de España.
Disque son todos así. ¡O carallo! pois en lugar de cárceres, haberá que facer campos de concentración para políticos, pero hai que deixar de ser tan “latinos” (que é outro comodín mítico) e empezar a ser un pouco serios.
Todo isto lémbrame a unha frase de Xavier Nart, algo así como: “No puede seguir permitiéndose que Pepito amase una fortuna ilegalmente, pase tres o cuatro años preso mientras su mujer gestiona el capital, y salga de la carcel convertido en el Señor Don José.”
Ós de aquí xa sairon en máis ocasións, pero hai dúas cuestións que xente con formación científica como penso que ten Vd (se o sei blog non engaña) debería analizar dous fenómenos curiosos:
1.-Como a xente que se dedica á política, co tempo que debe levar, todo o tempo en actos sociais deixándose ver, ten tempo para levar adiante unha actividade empresarial, na que se traballan de 12 a 16 horas mínimo, segundo todas as biografías dos capitáns de empresas.
2.- ¿Cómo hai xente que goberna un concello e dá acumulado máis cartos do que val o concello enteiro?
Mire que casualidade. Xusto, agora mesmo, acabo de sair de unha clase de “Organización da Producción”, na que nos explicaron o das crometraxes e os ritmos de traballo. Ocorre, por algunha razón, que iso está orientado só hacia o máis baixo do escalafón, e nada hai sistematizado (polo menos na industria) para controlar o ritmo e o tempo, por enrriba de certo rango (e ingresos).
De tódolos xeitos, sempre se supuxo que aqueles que nos dirixen son os máis capacitados de entre nos, así que probablemente teñan a facultade de desdoblar o seu tempo e esforzo; agora ben, o tema dos cartos é máis dificil de explicar sin pensar mal, pero que moi mal.
Ai, a organización científica do traballo, señor Míguez… Serán estes políticos e os seus familiares os máis acabados exemplos das ensinanzas de Frederick Winslow Taylor, que antes de ser enxeñeiro foi obreiro?
Con Taylor por un lado, e Stajanov por outro (quixera eu obreiros así si tivera unha empresa), só a retranca lle ofrece esperanza ó proletario medio, enténdase, aquel que carece por vontade propia ou allea da oportunidade de amasar unha fortuna a conta de que outros lle amasen o cemento, e ten que madrugar tódolos dias de nuestro señor para aturar a outros que gañan máis que él.
Dende logo que o circo marbellí está formado principalmente por paiasos, que pouco ou nada deben de saber de organización, nin do traballo nin de nada. Peligrosos son outros, que por ser máis organizados ou menos folklóricos, chegan incluso a presidentes de clubes de futbol, embaixadores nas máis altas instancias… E perigosos, os moitos “Stajanov” de garabata e maletín, dispostos ó que sexa con tal de conducir Mercedes-Benz e ter chalé onde ninguén máis pode. Despois de media tarde de reflexión sobre a súa pregunta, Sr. Pereiro, coido que de ahí saen as horas que esixe compatibilizar o traballo, os negocios e a familia.
Estou a observar con preocupación o tono que están vostedes a empregar nos últimos posts, tanto neste coma no anterior (asunto Armando…). Se non entendín mal, trátase de disparar por elevación, no tema da corrupción, contra: 1) A xeralidade dos políticos 2) Idem dos empresarios.
Velahí vai a miña opinión, por partida doble:
1.-) Eu non coñezo moitos políticos, a verdade, e dos que coñezo non teño a mellor das opinións (agás excepcións). Pero o discurso ese de extender a falla da honorabilidade ao conxunto sóame demasiado parecido ás teses da señora de Escairón.
2.-) Eu, que teño a desgraza de ser empresario (remítome a un post enviado por min aló no pleistoceno) estou a flipar con toda esa verborrea: non sei qué carallo ten que ver julian muñoz, o tal roca ou mesmo gilygil co empresariado… a non ser que sexa sinónimo de especulador. E nese caso, por favor, a ver se me poden recomendar un libro onde me expliquen como teño que facer para exprimir ao proletario medio, que estou ate os mismísimos de pasalas putas para pagar as nóminas, as SS e os impostos (eses que di o Sr pereiro que non pagamos) o día un sen falla
Sr eSedidió: Como di a policía venezolana cando te vai amolar, “no se me alse”. Eu non dixen nunca (creo que nunca, estas cousas fágoas por un proceso que é indignación/reflexión – escritura automático – repaso para quitar as burradas, faltas ortográficas e erros sintácticos), que os empresarios e/ou prfesionais liberais non pagan impostos. Asegurei que pagan menos de media ca os asalariados, que non deixa de ser curioso, e que teñen moitas máis vías de escape para pagar menos (Vid. Josep Piqué). Volvendo a este rego, non digo que todos os políticos sexan iguais, senón que non hai control case ningún sobre as súas actividades. co que o raro é que non haxa máis corrupción da que hai, que hai unha chea, grande e sobre de todo pequena.
Ademáis, admirado eSedidió, os empresarios que máis gañan, máis corrompen, e máis perturban na política (a miúdo, dende cargos que eles memos ostentan), poucas ou ningunha nómina pasan, na súas sociedades de capital e demáis manganchas.
É unha aplicación xeral do principio popular “Os cartos chaman ós cartos.” Si tivese vostede unha empresa dez veces máis grande do que lle supoño á súa, traballaría vostede a décima parte do que traballa, e a maior parte do seu traballo consistiría en comidas, ceas, cacerías… Sr. Pereiro ¿podo engadir a palabra “puticlubes” na lista?
Prezado Míguez: Tendo en conta que está sostendo que o tamaño importa, engada todo canto concepto sicalíptico considere.
s
“o que propoño é disolver ó electorado”. Anotase un dez, tómese algo a sua saude porque a frase simplemente é sin réplica. Desgraciadamente, meu, hai que darlle a rason. Cando votamos, no 90% dos casos non é por motivacións ideoloxicas ou simplemente políticas. Votamos por mil motivos pero, e indo a o que un conoce, é contra algo o mellor, contra alguen. En vigo a lo menos moitos votamos contra Soto por chulo, contra Príncipe por liante, contra Perez por inutil, contra Castrillo por meapilas e quedámos con ganas de votar contra San Mariño, pero non se pode pedir todo nesta vida. Alomejó a solución estaría na elección por riguroso sorteo e o que lle toque que se joda.
Leo con pracer masoquista, (e algo de retraso tamen) esta lista de queixas misturadas.
Concordo en parte pero penso que hai un erro fundamental ó que F. Miguez case se achegou. O problema é o de ser “latinos”, ainda que eu diría mellor corruptos.
Os politicos (ainda os paracaidistas) non chegan nunha nave espacial, saen da sociedade. O problema é que lle pidamos factura sen ive ó electricista, que nos pareza moi ben co noso primo Manolo defraude á Facenda (¡é un xenio, o meu primo!) e que aproveitemos a menor oportunidade para tirar partido facendo o listo, e ó que non o fai chamámoslle parvo.
Ese, e non estoutro que comentamos, é o problema. Porque se quitas un ladrón para poñer ó do lado, bo negocio fixeches.
Non pode ser casualidade que en todas partes aparezan escandalos de corrupción.
Somos moi listos todos.