Onte estiven en folga (cometín folga, gustaríame escribir), creo que a primeira que fago por motivos estrictamente laborais desde hai unha chea de tempo. Foi esa convocada en RTVE contra o plan de reestructuración ou como lle queiran chamar porque en realidade é desfacerse de parte do morto que entre uns e outros foron matando, e que agora supoño que estará de actualidade non polo fondo da cuestión, senón pola forma en que afectou á emisión do TD1, interrumpíndoo. Non é unha queixa, esa é a esencia da televisión actual, co que a actitude dos interrumpintes pasa de laboralmente non moi correcta a impecable desde o punto de vista mediático.
Incumprindo a norma básica do folguista consciente (as folgas fanse no centro de traballo), logo de cumprir coas obrigas familiares do transporte escolar pasei a mañá tipo os martes ó sol, durmindo, lendo e paseando. Pola tarde, e realidade laboral da que zafei veume enriba en forma de entrevista de Gemma Nierga a Fernando Argenta, o creador de Clásicos populares de RNE que estes días cumpre 30 anos (o programa) e logo nunha conversa cun político local. En escenarios e interlocutores tan dispares, latexaba o mesmo pensamento implícito que incluso está de fondo en persoas e institucións que estes días mostran a súa solidariedade : comprendo o seu drama, amigo, pero coincidirá en que hai que rematar con esa sangría económica. Coincido porque ben sei que en España, cando cambalea un dinosauro empresarial, o espiñazo social estremécese cun arreguizo colectivo, con compoñentes de morbo e de axuste de contas, do que non se salva nin a minería. Pero disinto do resto.
A televisión non é unha industria obsoleta incapaz de competir co que se fabrica en sitios con salarios miserables, senón un sector de futuro do que cada día vive máis xente e algúns moito mellor. E tamén, con perdón, a Garda Civil ou a Sanidade son deficitarias, pero se fala de achicalas coa escusa de que xa hai vixilantes privados ou seguros médicos. A plantilla de RTVE (9.000 traballadores) é a máis pequena das televisións públicas europeas (a RAI ten 11.800 traballadores; France TV, 13.500; a BBC, máis de 20.000 e as alemanas ARD e ZDF, uns 40.000). Se é moita ou pouca, depende. Se do que se trata é de facer uns informativos de ir tirando para salvar a cara de servicio público e logo encargarlle o resto da programación a productoras privadas para que fagan o que fan os demais, non é que sobre un de cada dous traballadores, sobra un de cada dez. Se do que se trata é de afrontar dunha vez o reto dun servicio audiovisual público que aposte por incremente a oferta e non que se apunta a satisfacer a demanda, igual e cos mesmos productos que as outras, falta xente. A que hai agora, ou outra. Pero o asunto é que ninguén –sabios, goberno, oposición- sabe que se quere ou de que se trata (aínda que eu apostaría polo primeiro), e polo tanto, apóstase polo punto medio, que non sirve nin para unha alternativa (por exceso de persoal) nin para a contraria (por escaseza) pero dá a impresión de facer que se fai.
A todo esto, a min ocúrreseme algo parecido a unha solución. Cóntollela mañá.
(xoves, 6 de abril de 06)
Serei demagogo mas (hoxe que recevin o meu borrador da Facenda Espanhola, que non fala nen entende galego) prefiro que empecen pola Casa Real. Poden tamén engadir à Garda Civil, sen perdón, e as subvencións a todos os meios de contaminación privados.
Un saúdo solidário, apesar do E final do noso ente.
Desde Marbella para o mundo.
En definitiva, que eres un FOLGA…zán.
A miña solidaridade con vostede, Sr. Pereiro, e os demais profesionais de TVE, por si de algo servise.
Vendo a traxectoria da cadea, a calidade de algúns contidos tanto históricos como actuais, e o servicio que en ocasións lle fai ós gobernos de turno, non podo menos que poñerme poético e citar aquilo da entrada do Cid en Burgos:
Dios, que buen vassallo, si oviese buen señore!
Concordo co seu artigo… pero eses números, señor sihomesi (quen lle mandou meterse na estatística): a plantilla de TVE é a máis pequena, pero tamén eses outros países dos que fala son un “pouquiño” máis grandes que España.
Non quero parecer un tastelán, pero o criterio da proporción habitantes/traballadores audiovisuais segue sen desmontar o meu argumento (Alemaña ten 82 millóns, Francia, Italia e Gran Bretaña, 60 millóns. O único ratio semellante sería o da RAI).
Vostede non é tastelán, pero eu si lacazán que non botei as contas…