Esta semana tiven unha especie de revelación, ou mellor, de confirmación do que xa intuía. Resulta que o gañador do concurso de blogs ou diarios persoais en internet que organiza o xornal gratuíto 20minutos, na categoría –de título un tanto esferolítico- de “Mejor blog en otras lenguas constitucionales distintas del castellano” foi Días estranhos, de Martín Pawley. Tamén que saíu o número 7 de Barsowia, a revista de cómic que edita o grupo Polaqia. Nunha intranscendente conversa de pub souben que o último disco da banda de rock sureño Sugar Mountain lévao unha distribuidora norteamericana, así como da existencia de dúas interesantes longametraxes independentes feitas. Non, non é que caira no vicio gremial de aproveitar as columnas para promocionar productos culturais dos amigos. De feito, á maioría nin os coñezo. Nin vostedes tampouco. E aí está o caso: do mellor e do máis creativo de Galicia vive no submundo.
Por se non me expliquei ben unha vez máis, o tal Martin Pawley é un rapaz coruñés que si conquistou os votos dos chamados cibernautas de España toda non foi porque teña unha web moi mona chea de cibertrebellos, senón porque fai critica cinematográfica, musical, literaria, política, social e persoal con máis coñecemento e máis gracia que a media dos profesionais, e por riba, de balde. Un pozo de ciencias que ata hai un mes en que comezou a colaborar no programa Extrarradio da Radio Galega, non aproveitou ningún medio convencional. Por certo, entre os outro catro finalistas dos blogs escritos en “autonómico” estaban dous galegos, Vía Anti-Colonial Activa e Mensaxe nunha botella –elaborado colectivamente no IES David Buján de Cambre- e eso que por cada web en galego hai dez en catalán.
Polaqia, pese ó nome tampouco teñen nada que ver nin con Cataluña nin con PRISA. Son un grupo de debuxantes e guionistas galegos que autoeditan –literalmente, sen un can oficial ou oficioso- a revista Barsowia, unha das propostas de cómic máis emerxentes e de mais calidade do panorama peninsular. Por certo, a única referencia a eles co seu nome correcto que aparece no buscador de internet Google News é nun xornal de Santander. E Sugar Mountain son de Pontevedra, e se os distribúen nos USA é por que aquí ninguén quixo. E os das películas, como as fixeron aquí como poideron, tampouco saíron en lado ningún nin tiveron a publicidade que nestes casos lles dá quen os subvenciona para polo menos recuperar algo dos cartos. E os días laborables, no programa Aberto por reformas que dirixe Xurxo Souto escóitanse agora bandas incribles como GalegoZ ou DiosketeCrew que antes non tiñan nin ese pequeno lugar no planeta radiofónico ocupado por eses omnipresentes grupos de ardores xuvenís con solistas con tendencia ó sobrepeso e á sobreactuación ou polas interminables e insoportables secuelas de estopas aflamencadas.
Insisto, non estou falando de amigos, nin de persoas creativas en xeral, nin digo que os citados sexan os mellores no seu xénero, senón simplemente os exemplos que me saen nun momento de reflexión Tampouco ando a reclamar axudas, subvencións ou oportunidades para ninguén, e menos cando eles propios non as reclaman. Estou falando de productos culturais altamente competitivos que non coñece nin a sociedade na que se crean e para a que se crean. A única explicación que se me ocorre é que despois dunha época en que agachar a realidade era a norma, xa non se nos pasa pola cabeza que debaixo desa ficción cutre que nos construíron puidera haber algo, e moito menos algo bo.
(xoves, 13 de abril de 06)
Aínda que non tiña dúbidas, non me resisto a decir que é vostede un tipo ben legal.
?
Non se me interrogue, señor SHS, que só era un xeito de decir o moito que me gustou o artigo
A min tamén me gustou, moito. A pouco que escabiches un pouquiño na terra (nesta) aparecen tesouros de moitísimo valor e noi fai falta unha Caterpillar 301.8C. e se hai que dar nomes non hai problema.
A verdade, é que todos estes exemplos que aparecen aquí, e moitos outros, abofé, están esperando sair nun país no que os medios de comunicación (salvo excepcións puntuais) viven nun pailanismo abraiante.
E non é porque o público non teña interese, xa que cando á fin xurden os artistas, moitas veces descúbrese un publico que estaba agardando por eles.
Porén, non sería xusto, non lembrar ó xabarin club, e dicir que a nova Radio Galega, como xa vostede comenta, vai nunha liña moi prometedora (¡quen o ía dicir hai uns anos!)
Eu taméngostei do artigo.
Tan só comentar que o Pawley comezou as colaboración en medios de (ehem) masas no prgrama Antípodas de Radiofusiòn, meses antes de ir para a Radio Galega, se ben alí tamén aparecía no programa que gacía Belén Regueira con Tomás Lijó.
Un saúdo
Unha proba máis do moito que descoñecemos o submundo
É contraditorio que por unha banda fales da evidente situación de empobrecemento dos canles da cultura oficial galega a carón da suposta grandiosidade do underground e para xustifica-la túa postura aludas a que vive no underground, ¿e que?, ¿que importa? Sempre foi así, non só aquí, no mundo enteiro. Se esas vías de expresión fosen outras máis convencionais e masivas non importaría tanto, ¿non?
Eu fixen iso? Penso que non. Non falei do empobrecemento das canles da cultura oficial, que tampouco me parece evidente. En todo caso, o seu estado non é peor do que tiña antes. Tampouco me parece que en todas partes sexa mellor a cultura urderground que a que non o é. Por exemplo, a literatura oficial española paréceme moi sobrevalorada, pero non teño datos de que haxa outra underground moito mellor (o que tampouco sería moito mérito). E seguindo na literatura, na galega, non penso que a underground sexa mellor que a publicada. O que antes se chamaba rock, en España é penoso, pero alomenos non nos rompen a cabeza con el. O que sosteño é que os medios de comunicación de Galicia non se enteran, e tanto lle teñen a undergound como a emerxida, aínda que esta sácana máis porque hai seccións de cultura que encher. Un atavismo.